A Xunta renova a súa colaboración coa CEMMA de Nigrán

A Xunta de Galicia e a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) seguirán colaborando este ano na asistencia e recuperación dos animais varados no litoral galego. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da entidade, Xabier Pin, asinaron esta mañá un novo convenio para manter as accións que, desde hai dúas décadas, desenvolven de maneira conxunta ambas entidades co fin de garantir a conservación dos réptiles e mamíferos mariños que recalan nas costas de Galicia con algún tipo de dificultade.

Deste xeito, a Cemma comprométese a comunicar á Xunta a detección de episodios de varamentos de tartarugas e mamíferos mariños na costa galega; á prestación dos primeiros auxilios aos exemplares vivos, así como a súa posterior hospitalización, tratamento e alimentación; e no caso de falecemento, a identificación, se é posible, das causas da morte mediante os correspondentes exames e recollida de mostras. A Consellería, pola súa parte, ocuparase do deseño e supervisión das propostas encamiñadas a asistir aos animais, en especial, aquelas que sexan necesarias para garantir o seu reingreso ao medio natural unha vez recuperados e achegará 15.000 euros para contribuír a financiar o traballo da Coordinadora.

A sinatura deste convenio enmárcase nas funcións que ten atribuídas o departamento autonómico para a defensa e promoción da conservación dos hábitats e especies en Galicia, así como ao estudo sobre o seu comportamento, as causas da perda de exemplares e as posibles medidas a adoptar que poidan reverter esta situación. Neste sentido, a colaboración coa Cemma baséase na ampla traxectoria e experiencia que avalan en Galicia a esta organización sen ánimo de lucro, que vén participando activamente na asistencia aos animais varados nas costas da Comunidade e na súa recuperación ao abeiro dos sucesivos convenios que desde o ano 2003 mantén coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

De feito, trátase da única entidade autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para xestionar e coordinar a Rede de varamentos de Galicia, xa que os animais tratados soen ser especies protexidas, o que require das pertinentes autorizacións. Para desenvolver o seu labor, a asociación dispón de dúas unidades móbiles e dun centro veterinario en Nigrán, dotado de UCI e destinado en exclusividade ao tratamento destas especies de animais.

Balance varamentos 2022

Ao abeiro do anterior convenio coa Xunta, rexistráronse durante 2022 —segundo datos recollidos ata o pasado 10 de decembro— un total de 223 animais varados ou en risco de varar nas costas galegas, dos cales chegaron con vida un 23%. A grande maioría destes exemplares pertencían ao grupo dos cetáceos (un 76%) e dentro destes, máis da metade eran golfiños comúns aínda que tamén se detectou unha grande cantidade de delfínidos non identificados.

Cómpre lembrar que Galicia alberga unha franxa moi importante de litoral que debido á súa especial situación xeográfica e á influenza das correntes alberga unha importante representatividade de vertebrados mariños —entre os que destacan os mamíferos e, en menor medida, a tartaruga mariña—, estando incluídas algunhas delas na listaxe de especies en réxime de protección especial e no Catálogo galego de especies ameazadas.