O PSOE de Baiona pecha mandato con 15 millóns de euros de investimentos

O PSOE de Baiona destaca que o Concello pechará o mandato municipal con 15 millóns de euros de investimentos grazas ao novo modelo de vila sostible posto en marcha polo goberno local, liderado por Carlos Gómez Prado. “A pesares da pandemia, desde o Concello puxemos os piares da transición cara un modelo de desenvolvemento sostible. A vila conta cun novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), que marca as directrices de todas as actuacións e trátase ademais dunha ferramenta indispensable para optar a subvencións da UE”, explica o alcalde e candidato socialista á alcaldía.

Baiona foi o primeiro concello do Val Miñor en obter fondos Next Generation da UE, dous millóns de euros a través do Ministerio de Industria para o desenvolvemento do Plan de Sostenibilidade Turística do Concello de Baiona (PSTD). O proxecto busca desestacionalizar o turismo e facer da vila un destino máis verde, máis competitivo e máis sostible mediante a mellora do seu carril bici, a posta en marcha dun sistema de alugueiro de bicicletas, a creación dun aparcadoiro disuasorio e a humanización da contorna de Santa Liberata.

O pasado outono, anunciáronse case sete millóns de euros para renovar as zonas históricas abertas a veciños e visitantes do Parador de Baiona. “Un fito histórico que garante o futuro da fortaleza e do turismo local”, engade Gómez Prado. No mandato, os investimentos nas parroquias e os barrios roldan os catro millóns de euros, e tamén neste 2022 comezou a remodelación do Paseo Pinzón, grazas ao convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación de Pontevedra. É a primeira fase dun plan de reordenación da zona situada entre as praias urbanas da Concheira e A Ribeira.

“Nos últimos meses recuperamos o ritmo, ralentizado en todos os concellos polas consecuencias da pandemia do coronavirus e a crise internacional; temos clara a folla de ruta da Baiona do ano 2030 que desexamos”, remata Carlos Gómez Prado.