Nigrán crea un certame de curtas sobre a natureza

Nigrán ten unha natureza única, que inspira. Con esta idea, o Concello de Nigrán, Teatro do Ar e a cooperativa “Somos Terra” únense para lanzar o certame “Ollo con Nigrán”, un concurso vídeo-literario que nace para potenciar a creación artística en lingua galega ao tempo que divulga a gran riqueza medioambiental do municipio. Esta nova iniciativa, co prazo de participación aberto ata o 5 de marzo, é só un avance da programación municipal do mes de marzo, dedicada a unir cultura e natureza. Paralelamente, o certame ten o obxectivo de visibilizar e potenciar o comercio local, por iso os premios serán 1.000 euros en vales para consumir nos establecementos do municipio que se desexen sumar a través dun formulario web en http://www.nigran.es.

O certame constará de tres categorías: Estelas, para nenos e nenas de Nigrán nados no ano 2011 ou posteriores; Lourido, mozos e mozas de Nigrán nados entre o ano 2005 e 2010; e Monteferro, para persoas nadas antes do ano 2005. Ademais, o colexio que conte con máis alumnado participante tamén recibirá 200 euros para mercar no comercio local. A data límite para participar é o 5 de marzo ás 00:00 horas e as persoas poderán presentar os seus traballos a través dun formulario online acompañado dunha PLICA cos datos do autor ou autora e o texto orixinal que se utiliza no vídeo.

“O certame ‘Ollo con Nigrán’ nos permitirá coñecer as miradas que os veciños e veciñas teñen do noso municipio, descubrir xoias ocultas, aprender en conxunto que a nosa natureza é a nosa maior riqueza e, sobre todo, subliñar a importancia do noso lema de crecemento: Equilibrio Natural”, explica o alcalde, Juan González, quen engade tamén “a oportunidade que supón para descubrir novos talentos”.

As bases están dispoñibles na web municipal http://www.nigran.es e as persoas poderán presentar calquera dúbida en cooperativa@somosterra.gal, grupoteatroar@gmail.com ou a través de cadansúa rede social.