Presentación da candidatura de Podemos Baiona ás municipais

Este sábado, 21 de xaneiro, Podemos Baiona comeza o ano electoral cun encontro aberto á veciñanza coincidindo co 9° aniversario da formación. O encontro será no Multiusos Ángel Bedriñana, situado na Rúa Carabela Pinta nº 9 (Praza de Abastos) ás 19:00 horas.

Farase a presentación de Agustín Silva Rodríguez como candidato á alcaldía de Baiona, co que as persoas asistentes poderán intercambiar impresións, de cara a poder sumar máis apoios cos que fortalecer o proxecto.

A formación no seu conxunto fará balance do traballo desenvolvido nestes anos e expoñerá as principais liñas do seu programa, para o que queren coñecer as propostas e inquedanzas da veciñanza.

No mesmo acto, a formación contará con diversas mesas de acción social, nas que tratarán, por un lado, a problemática dos parques eólicos na Serra da Groba, onde se poderán recoller follas de alegacións do IEM (SOS Groba). Noutra, farase unha recollida de pienso para axudar ás persoas voluntarias que coidan das colonias felinas no municipio, e tamén, recollerán sinaturas para a Plataforma Pola Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor.

Ao remate do encontro, haberá tempo para tomar uns petiscos e brindar en fraternidade.