Nigrán descubre o seu maior conxunto de petróglifos nunha gran rocha nos montes de Camos

Os traballos do Concello de Nigrán para preservar e divulgar oito dos seus petróglifos máis notables rematou con importantes achados, o principal, o descubrimento do maior conxunto de gravados do municipio, situado en Camos. O gran rochedo, de máis de 50 metros cadrados profusamente traballados, foi atopado no 2021 pola Comunidade de Montes da parroquia ao non estar nin sequera catalogado. Tras ter constancia deste feito, o Concello o incluíu no plan de 10.000 € para restaurar, rozar, realizar calco 3D e sinalizar os mellor conservados do municipio: Chan de Rapadouro e Rabete (Chandebrito); Monte Eiró (Parada); Penisas Pequenas e do Duque (Panxón); Currelo, Outeiro Grande ou Requeixadas (Priegue). Sen embargo, os propios traballos de restauración revelaron que era un conxunto máis grande do que se apreciaba a simple vista.

“Moita superficie estaba tapada polo musgo e outra parte inmensa xa non está porque foi reaproveitada para cantería. A sorpresa é que constitúe o maior de todo o municipio e case seguro de toda a comarca, superando en Nigrán ao que coñecíamos ata agora do Currelo (Priegue)”, explica Benito, arqueólogo da cooperativa Árbore, encargada de facer estes traballos. Así, a rocha presenta infinidade de gravados xeométricos como círculos concéntricos e espirais, ademais dun motivo antropomorfo e dúas cruces que se atribúen á Idade Media co obxectivo de cristianizar este lugar pagán (habitual neste período da Historia). “A decoración é tan profusa e tan enlazada que parece planificada ex-profeso para o lugar, por iso desconcerta, non é habitual”, recoñece Benito. Precisamente, no que ata agora se cría que era o maior de Nigrán, O Currelo (Priegue), apareceron moitos máis motivos xeométricos dos que se coñecían, coa particularidade de resultar moi visibles e ser formas non comúns.

“A intención era amosar a riqueza arqueolóxica de Nigrán e preservar os xacementos, pero o resultado vai máis alá, é espectacular porque nos arroxa moita máis información da que posuíamos”, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que os 8 petróglifos se sumarán aos atractivos das rutas de sendeirismo establecidas no 2018 nas zonas de Panxón-Monteferro, Outeiro Grande (Priegue/Camos) e Chandebrito “ampliando así as posibilidades turísticas do municipio e dándolle un pulo non estacional”.

Concretamente, o proxecto consistiu na limpeza e acondicionamento destes elementos, rexistro fotogramétrico dos mesmos e paneis específicos que os integra a todos dentro dun mesmo percorrido a través dun código QR de localización, con sinalización adicional de frechas direccionais desde as estradas máis próximas.

“Investir en investigación arqueolóxica ofrece sempre unha información valiosísima”, explica González, quen incide en que grazas ao traballo de prospección arqueolóxica do Concello no 2017 se descubriron dez importantes achados prehistóricos, todos eles petróglifos que estaban sen documentar.