
Nos últimos meses publicáronse as Declaracións de Impacto Ambientais (DIAs) dos Parques Eólicos (PEs) Albariño I e Merendón, proxectados na Serra da Groba. En ambos os dous casos foron desfavorables. No caso do PE Albariño I os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural poñen en evidencia as graves deficiencias do proxecto cuxo Estudo de Impacto Ambiental (EIA) non recollía a existencia de charcas estacionais, presentaba un deficiente inventario dos hábitats de interese comunitario, flora e fauna e establecía unhas medidas protectoras e correctoras imprecisas que impedían a súa execución. En definitiva, consideran a documentación do proxecto inadecuada.
No mesmo sentido pronunciouse o Instituto de Estudos do Territorio (IET), que avalía a afección do proxecto ás Áreas de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) situadas na zona: a AEIP Serra da Groba, a AEIP Devesa da Costa, a AEIP dos Montes do Facho e Tetón, a AEIP de Corroubelo e a AEIP Chan da Valga, para as que calcula unha afección visual do 90%, 87%, 67%, 89% e 85% respectivamente, e resalta que mentres o Estudo de Impacto Ambiental realizado pola empresa adxudicataria cualifica o impacto sobre a paisaxe como “moderado”, o IET entende que “esa valoración e as medidas preventivas propostas, non resultan coherentes coas análises realizadas”. Conclúe o Instituto que “o proxecto producirá uns impactos críticos sobre a paisaxe, que alterarían de forma irreversible os valores das AEIP máis afectadas, sen que tales efectos poidan mitigarse con ningún tipo de medida correctora”.
No caso do PE Merendón, o Instituto de Estudos do Territorio resalta a importancia na área afectada polo PE das numerosas Áreas de Interese Paisaxístico, numerosos miradoiros, sendeiros, o Camiño de Santiago Portugués pola Costa e o corredor ecolóxico delimitado polo Plan de Ordenación do Litoral (POL) e conclúe que a valoración que fai o proxecto do impacto paisaxístico non está ben fundamentada e que os impactos na paisaxe, que non poderán mitigarse con ningún tipo de medida correctora, serán críticos e irreversibles.
Ao respecto destas dúas resolucións, o Instituto de Estudos Miñoráns quere expresar o seu agradecemento a todos os colectivos e cidadáns que advertindo o gran deterioro medioambiental que producirían estes PEs na Serra da Groba expresaron a súa contundente oposición na masiva manifestación do 16/05/2021 e a tamén masiva presentación de miles de alegacións aos proxectos. Foi esta mobilización cidadá a que conseguiu lanzar un chamamento ás administracións públicas que finalmente concluíron os irreversibles e críticos efectos destes proxectos na Serra da Groba. “Agradecemos polo tanto tamén aos técnicos e técnicas da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e do Instituto de Estudos do Territorio a súa implicación na avaliación real dos efectos destes proxectos”.
Porén, lamentan que algunhas administracións da Xunta de Galicia non actúen coa mesma dilixencia e obxectividade na defensa do patrimonio público. “É o caso, por exemplo, das afeccións aos numerosos xacementos arqueolóxicos, patrimonio cultural que testemuña o pasado dos habitantes da Serra da Groba, ou a ausencia de estudos hidrolóxicos e hidroxeolóxicos que analicen e valoren os efectos sobre os recursos hídricos e as súas consecuencias para as numerosas poboacións que dependen deste recurso xerado na Serra da Groba, as afeccións referidas a turismo e ocio, así como a carencia de estudios sobre a afección aos garranos na serra, etc”.
Na actualidade está a exposición pública o proxecto do PE Toroña, cuxo prazo para presentar alegacións remata o vindeiro luns, 23 de xaneiro. De novo, este PE atenta contra os valores patrimoniais, tal e como denunciou o IEM diante da Dirección Xeral de Patrimonio, do Instituto de Estudos do Territorio (IET) e do Concello de Baiona, debido á mala calidade do estudo de efectos sobre o patrimonio contido no proxecto. Así mesmo o Estudo de Impacto Ambiental non avalía convenientemente os efectos do proxecto sobre a fauna, a flora, os ecosistemas ou a paisaxe, circunstancia da que xa advertiu o IET para o PE Albariño I que ocupa parcialmente a mesma área de afección paisaxística.
Son evidentes os valores que atesoura a Serra da Groba, un espazo natural enclavado nunha das zonas con maior densidade poboacional de Galicia que sufre unha gran presión antrópica e que cómpre preservar e protexer para garantir a sustentabilidade do territorio. Xa en 2011 o LIC Serra da Groba foi proposto para a ampliación da Rede Natura 2000 ao abeiro do Anuncio do 21 de decembro de 2011 da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se sometía á participación do público a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia. Daquela a proposta foi desbotada por non ser considerada prioritaria.
Hoxe, ante as graves ameazas que poderían condenar á Serra da Groba ó seu deterioro irreversible, máis de 70 colectivos solicitan que se emita unha DIA DESFAVORABLE ao PE Toroña; á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia que retire as Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADEs) 157, 158 e 41, do Rexistro Eólico de Galicia que afectan á Serra da Groba; ás administracións públicas, locais, comarcais, provinciais e autonómicas que realicen os trámites necesarios para incluír a Serra da Groba dentro da rede de espazos protexidos.
“Non podemos permitir que se perdan os nosos valores culturais e patrimoniais, naturais, paisaxísticos, etnográficos. Debemos preservar os servizos ecosistémicos como unha garantía para as seguintes xeracións”, conclúen desde o IEM.
Colectivos que suscriben esta nota de prensa
- A Jalleira
- A Ría Non de Vende
- A.C. Berra Val Miñor
- AA.VV. e Cultural Casco Vello
- AC A Velha na Horta
- AC Xuliva
- ADEGA
- ADEGA (Delegación de Vigo)
- AGA (Asociación Galega Apicultura)
- Agrupaçom de montanha Augas Limpas
- Amigos da Terra
- APEOM
- Asoc. Permacultura «Eiras de Miño»
- Asoc.»ViaxaMos no tempo»
- Asoc. Trece Catorce
- Asoc. Veciños de Chenlo
- Asoc. Veciños de Valladares
- Asoc. Veciños de Vincios
- Asociación A Groba
- Asociación Aire Limpo (As mariñas-Mandeo)
- Asociación A-Legre
- Asociación Cultural Berra Val Miñor
- Asociación Cultural Pedraghullo
- Asociación de Comuneiros de Chá (Ferrol)
- Asociación Mundo Minero
- Asociación Naturalista do Baixo Miño (ANABAM)
- Asociación Treze Catorze
- Bembribe: Pena Cabalaria
- Bouzas Móvete
- C. S. A Revolta
- C.C. As Pedriñas
- C.M.V.M.C. de Chaín
- C.M.V.M.C. de Couso
- C.M.V.M.C. de Valadares
- C.M.V.M.C. de Vincios
- C.M.V.M.C. de Zamáns
- C.S. A Comuna (A Coruña)
- C.S. A Faisca
- C.S. A Revolta
- C.S. Lume
- C.V. contra a Macrodepuradora do Lagares
- Caleidoskopio
- Club Escalada Montaña Azimut
- Club Montañeiros Celtas
- Club Peña Trevinca M.G.
- Clube de Montaña Xistra
- Clube Espeleolóxico Mauxo
- CMMC de Oia
- Colectivo Xogo Descuberto
- Co-mando Ghichas
- Comité de defensa das Rías Altas
- CS A Faisca
- CS Fuscalho
- Escalada Sostenible Galicia
- Federación AA.VV. Eduardo Chao – Vigo
- Federación Galega Montañismo
- Foro Social de Cangas
- G.A.S. Vigo
- Grupo de Montaña Alud
- Instituto de Estudos Miñoráns (IEM)
- Nova Escola Galega
- OAR Redondela
- Outro vigo é posible
- Plataforma Cidadá de Redondela
- Plataforma Defende Mos
- Plataforma Defensa da Ría Cíes
- Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro
- Plataforma veciñal Quijote (Outes)
- Salvemos Monteferro
- Salvemos O Salgueirón
- SOS Serra da Groba
- Verdegaia
- Voces polo Litoral de Teis