Baiona ofrece aos comerciantes un obradoiro gratuíto de “Técnicas de Merchandissing”

Co obxectivo de mellorar a competitividade e eficiencia do comercio local, a Concellería de Comercio e Mercados do Concello de Baiona ofrece un obradoiro de “Técnicas de Merchandissing en Espazos Comerciais”. Esta iniciativa está orientada aos praceiros, comerciantes, empresariado… en definitiva, a todas aquelas persoas que estean interesadas en sacarlle o máximo partido ao seu negocio. A sesión, que se realizará o vindeiro xoves 26 no Multiusos Ángel Bedriñana, é gratuíta e terá unha duración de dúas horas, empezando ás 18:00 horas.

Durante a xornada, abordaranse temas como o merchandising en lugares de venda como técnica para atraer a venda; o cliente, o seu comportamento no punto de venda; principios básicos e elementos de implantación en espazo comercial (xestión do espazo; presentación, colocación e etiquetaxe do produto, produtos ganchos; cor, luz, música, rendibilidade; espazos: “puntos quentes” e “puntos fríos”).

Así mesmo, tamén se abordarán aspectos como a publicidade e animación no lugar de venda (imaxe corporativa, escaparate, indicadores visuais, principais tipos de carteis), estratexia de Merchandising Visual do espazo e do produto; inventarios e seguimento con clientes ou desenvolvemento virtual aplicado ao pequeno comercio. Desde a Concellería de Comercio e Mercados convídase a participar na actividade aos praceiros dos postos do mercado así como a todo o sector comercial da Vila.

As persoas interesadas en participar deben confirmar a súa asistencia enviando un email ao correo concelleria.comercio@baiona.gal.