A provincia de Pontevedra preséntase en Fitur como escenario para rodaxes cinematográficas

“Buscas un escenario para a túa próxima rodaxe? Descubre a provincia de Pontevedra. Un escenario diverso, cómodo, inédito, accesible, versátil, seguro e único”. Con este lema e espectaculares imaxes da provincia, a presidenta da Deputación Carmela Silva presentou este mércores en Fitur Screen o “potente” audiovisual “Pontevedra Provincia, plató de cine” no que se detallan os múltiples atractivos dun espazo digno de ser escenario de grandes producións audiovisuais. Fíxoo, xunto ao presidente da Spain Film Commission, Carlos Rosado, e acompañada de alcaldes e alcaldesas da provincia, representantes doutras Film Commission e produtoras do audiovisual galego. Durante o acto tamén se fixo pública a nova web de Pontevedra Provincia Film Commission, no marco do impulso que está a dar a institución para situar á provincia como “o mellor lugar do mundo” para rodaxes. Outra das grandes novidades foi a presenza do produtor Daniel Froiz que xunto a Carmela Silva anunciou que “Matria”, unha das películas patrocinadas pola Deputación, dirixida por Álvaro Gago, ten sido seleccionada xa para a Berlinale.

“Todo o que na provincia de Pontevedra se construíu ao longo dos séculos é un verdadeiro escenario de película, con espléndidas localizacións”, asegurou Carmela Silva na presentación, na que presumiu de conexións, infraestruturas, instalacións e oferta hostaleira de Rías Baixas que “nos sitúan nunha forte posición para captar rodaxes”. A presidenta, que recordou algunhas das series e películas que se rodaron na provincia como “Un asunto privado”, “Los enviados”, “La unidad”, “Vivir sin permiso”, “Fariña”, “As Bestas”, “Un hombre de acción”, “Toro”, “Ons”, “Matria” ou “La sombra de la Ley”, presumiu do “talento local e da arraigada cultura cinematográfica, nunha terra de grandes cineastas, actores, actrices, e estupendos equipos especialistas en todo o proceso, desde a rodaxe ata a posprodución e a difusión”.

“Pontevedra Provincia, plató de cine” presenta imaxes de interior e de costa, pobos e cidades a carón do mar, espazos vangardistas, ruínas, mosteiros, pontes, illas, faros e mosteiros, e parte dunha espectacular imaxe do Mirador Siradella, con vistas da Lanzada e o seu istmo. A continuación amosa estradas a carón do mar como a que transcorre cara A Guarda co pico de Santa Trega. Son tamén protagonistas do audiovisual pontes como a de Rande, a da Illa de Arousa, a ponte internacional entre Tui e Valença e a ponte Taboada Vella no Deza. As illas como a de Arousa, San Simón, Cíes, Ons e o illote Areoso teñen tamén espazo na peza presentada en Fitur, así como os castelos de Sobroso e Soutomaior, edificios modernistas de Vigo e vangardistas como o CUVI ou o Museo de Pontevedra. Ademais preséntanse imaxes das ruínas da fábrica de Curbera no Morrazo e lugares como o Museo da Salgadeira de Moreiras no Salnés, as escaleiras da Porta do Sol de Vigo, o porto de Vigo, faros como o de Ons ou Cabo Silleiro, a fábrica da luz de Caldas, a lonxa de Vigo ou o mosteiro de Carboeiro de Silleda.

O audiovisual divulgarase ao longo do 2023 en feiras internacionais como o Festival de Cinema de San Sebastián, Cannes, Londres ou o European Film Market de Berlín. Xunto á peza, a Deputación ten deseñado unha páxina web sobre a Pontevedra Provincia Film Commission, na que se detalla información útil e de interese e as principais vantaxes de optar pola provincia de Pontevedra como escenario de rodaxes. A nova web, presenta en portada un grande fotograma do Pazo Provincial da serie “Un asunto privado”, de Bambú Producciones, e inclúe un catálogo de localizacións, que responde ás principais necesidades detectadas entre as produtoras e localizadoras con interese na provincia.

Tanto o vídeo promocional “Pontevedra Provincia, plató de cine” como a nova web da Pontevedra Provincia Film Commission serán divulgadas ao longo da feira Fitur no stand propio que a Deputación ten situado en “Fitur Screen”.

Convenio con Renfe

Durante esta primeira xornada de arranque de Fitur 2023, a presidenta Carmela Silva asinou un ambicioso convenio co presidente de Renfe, Isaías Táboas, para a promoción da provincia como destino turístico para viaxes de ocio e de negocios a través de accións de márketing e comercialización en trens AVE e Longa Distancia. A través do acordo, rubricado por segundo ano consecutivo co obxectivo de aproveitar as oportunidades dos trens de Alta Velocidade que están a chegar a Galicia, a imaxe do destino Pontevedra Provincia aparecerá en repousacabezas tematizados, en vídeos da programación dos trens AVE Longa Distancia, así como tamén en máquinas autovenda, na web de Renfe, nas súas redes sociais e en billetes pdf. “Trátase dun convenio moi potente –subliñou a presidenta- que nos vai permitir que “Orixe” teña unha enorme presenza en todo o Estado”.

A través do convenio, tanto Renfe como a Deputación traballarán na posta en marcha de ofertas comerciais centradas no impulso da asistencia a feiras e congresos e na promoción da provincia como destino turístico MICE (Reunións, Incentivos, Convencións e Congresos e Eventos). Deste xeito ofreceranse descontos de ata un 10% en todas as clases e trens de AVE e Longa Distancia que empreguen as persoas asistentes e expositores de congresos, convencións e eventos que se celebren ou organicen na provincia. Tamén estudarán, entre outras actuacións, a posibilidade de promover paquetes de tren e entradas co obxectivo de poder definir e concretar unha oferta comercial combinada.

Encontro co presidente de Paradores

Carmela Silva reuniuse, entre outras entidades, co presidente de Paradores, Pedro Saura, valorando o “altísimo investimento” da institución turística nos paradores da provincia, especialmente no Parador de Baiona, cun investimento de case 7 millóns de euros dirixido a conservar a muralla e a torre da Tenaza.

Todo listo para a presentación de “Orixe Rías Baixas”

A Deputación xa ten todo preparado para a presentación oficial da campaña “Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra”, que terá lugar este xoves no stand de Turespaña ás 17.00 horas. Previamente a presidenta Carmela Silva asistirá ao lanzamento da “Estratexia de Turismo Sostible Transfronteirizo España-Portugal” coa Ministra de Industria, Comercio e Turismo do Goberno de España, Reyes Maroto, e co ministro de Economía e Mar de Portugal, Antonio Costa.

Ademais no “I Fitur Sport Tourism Summit”, ás 17.30 horas, presentará o audiovisual “Sport Rías Baixas. Siente la experiencia”, xa que o proxecto deportivo da provincia ten sido seleccionado por Fitur como un dos casos de éxito estatais. Tamén este xoves ás 21.00 horas, na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles, a delegación da Deputación en Fitur, liderada pola presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, recollerán a Q de Calidade Turística ao Museo de Pontevedra, así como ás oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas e ao castelo de Soutomaior que a obtiveron o pasado ano e veñen de renovala.