Baiona terá un papel protagonista en Fitur 2023

O Concello de Baiona ten un papel protagonista na edición do 2023 de Fitur, unha das feiras máis prestixiosas do mundo dentro do sector turístico que comeza hoxe en Madrid. No escenario global post-pandemia, os destinos de natureza e patrimonio histórico son moi demandados, polo que os touroperadores valoran a aposta do Concello de Baiona polo turismo sostible e desestacionalizado ao longo do ano, así como o maior protagonismo do seu papel na historia con varias iniciativas.

“A sinatura do Manifesto de Baiona para establecer unha ruta dos pobos colombinos, a reforma da Carabela Pinta, as experiencias 3D na Casa da Navegación ou os safaris de garranos son iniciativas impulsadas nos últimos meses que valoran no sector”, explica o alcalde, Carlos Gómez Prado. Gómez Prado participará desde hoxe e ata o venres en numerosos actos promocionais da vila, ademais de manter reunións con touroperadores internacionais moi interesados en incluír Baiona nas súas rutas de viaxe.

O alcalde estará hoxe na presentación do Plan Estratéxico de Paradores de España. O de Baiona recibirá un investimento de 6,7 millóns de euros para poñer en valor as súas zonas visitables. Tamén asistirá á presentación da campaña “Pontevedra Provincia. Plató de cinema” e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, do que forma parte Baiona. Mañá, xoves 19, participará na asemblea das Vilas Mariñeiras de España e na presentación da campaña “Orixe Rías Baixas”. O venres, chegará a quenda da presentación da Festa da Arribada 2023 e do Mundial J80, a cargo do Monte Real Club de Yates de Baiona.