A Deputación desembarca en Fitur cunha ampla axenda de traballo e o lanzamento de “Orixe Rías Baixas”

A Deputación desembarca este mércores, 18 de xaneiro, en Fitur cunha ampla axenda de traballo marcada polo lanzamento de “Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra”, a campaña coa que a institución vai promover o destino Pontevedra Provincia ao longo do 2023. Amais do tiro de saída a “Orixe”, a Deputación ten previstas dúas presentacións máis dos múltiples atractivos que ten o destino tanto para as rodaxes cinematográficas como para a práctica de actividades deportivas. Tamén asinará un convenio con Renfe para a promoción da provincia e recollerá, na Gala Q de Calidade no Palacio de Cibeles, os distintivos Q ao Museo de Pontevedra, o primeiro de Galicia en acadalo, e ás oficinas de turismo da Deputación. Amais, están pechadas reunións de networking con empresas do sector turístico provincial, estatal e internacional e con medios de comunicación, así como apoio aos concellos e mancomunidades da provincia nas súas presentacións na feira.

A axenda da delegación provincial en FITUR, liderada pola presidenta Carmela Silva, comezará este mesmo mércores, 18 de xaneiro, ás 13.15 horas no pavillón 10 de IFEMA onde a presidenta asinará un convenio con Renfe para impulsar accións de marketing e comercialización da provincia nos AVE de Longa Distancia. Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas no “Fitur Screen”, auditorio do pavillón 8, terá lugar a presentación de “Pontevedra Provincia, plató de cine”, onde se amosarán os diferentes recursos da provincia que a converten nun escenario “diverso, cómodo, inédito, accesible, versátil, seguro e único” para rodaxes cinematográficas. En Fitur Screen estará disposto un stand propio da Deputación onde tamén se dará a coñecer a nova web de Pontevedra Provincia Film Commission.

O xoves 19 de xaneiro ás 17.00 horas no auditorio “Ágora” do stand Turespaña, no pavillón 9, a presidenta da Deputación Carmela Silva xunto á artista multidisciplinar Julia de Castro darán o tiro de saída á campaña “Orixe Rías Baixas” cunha espectacular posta en escena, con vídeos, música e moitas sorpresas, na que as tradicións e a artesanía terán un papel moi relevante. Durante o acto estarán presentes alcaldes e alcaldesas da provincia e entregarase un agasallo boutique coas citas imprescindibles para desfrutar de toda a autenticidade de Rías Baixas.

Ese mesmo día, ás 17.30 horas, terá lugar a presentación do proxecto de turismo deportivo da Deputación no marco do I Fitur Sport Tourism Summit, no pavillón 10. Alí divulgarase o audiovisual “Sport Rías Baixas. Siente la experiencia”, onde se presentan escenarios da provincia ideais para a práctica de disciplinas deportivas relacionadas coa auga e a montaña que se complementan cunha ampla oferta de experiencias e unha variada gastronomía.

Tamén o xoves, a partir das 21.00 horas, a delegación da Deputación en FITUR, coa presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, recollerá na “Gala Q” na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles a Q de Calidade Turística ao Museo de Pontevedra así como ás oficinas da rede Info Rías Baixas e ao Castelo de Soutomaior que renovan o distintivo.

Ademais, entre este mércores e o venres 20 de xaneiro a presidenta e deputadas e deputados reuniranse con diferentes empresas do sector turístico provincial, estatal e internacional, así como con responsables de medios de comunicación para dar a coñecer o destino Rías Baixas. Tamén amosarán o seu apoio aos diferentes concellos, mancomunidades e xeodestinos da provincia que van promover a súa oferta turística en Fitur.