Nigrán estrea un novo parque infantil na Ramallosa

O Concello de Nigrán estrea un novo parque infantil na Praza Carlos Casares de A Ramallosa tras investir 30.000 € na total remodelación do espazo existente, que contiña desde hai décadas un único xogo modular para primeira infancia totalmente obsoleto. Situado ao carón do horto urbano comunitario creado polo Concello no ano 2022 e do parque canino inaugurado no 2019, o novo lugar de recreo responde a unha demanda da veciñanza e ao desexo do Concello de completar a remodelación desta praza totalmente carente de vida ata a materialización destes tres proxectos nos derradeiros tres anos.

O novo espazo conta agora cun novo conxunto modular de madeira que contén dous tobogáns; unha randeeira múltiple para uso simultáneo dun adulto e neno, outra randeeira convencional e dous balancíns con senllos resortes. A maiores, substituíuse a superficie de area por formigón pulido e caucho homologado nas áreas de seguridade dos xogos. “As propias persoas que acoden a diario á horta ou a pasear os cans nos pediron que complementásemos este lugar cun parque infantil”, explica o alcalde, Juan González, quen aposta por potenciar este tipo de proxectos que reúnen nun mesmo lugar diferentes actividades para todo tipo de públicos. “Pasamos de ter unha praza totalmente descoñecida na Ramallosa a unha praza chea de vida”, resume o rexedor sobre este lugar situado sobre o parking municipal e contigua á piscina mancomunada.

Adicionalmente, o Concello investiu 4.000 € en substituír a area do parque infantil situado na Porqueira (Panxón) ante a petición da veciñanza e expón grandes investimentos na Praza Rosalía de Castro de Nigrán e na Praza da Biblioteca para, precisamente, habilitar zonas de xogo para a infancia.