A Valedora do Pobo responde á reclamación de Podemos Baiona ante a problemática do transporte público

Segundo informa o voceiro e candidato á alcaldía de Podemos Baiona, Agustín Silva, en resposta á reclamación presentada en decembro pola súa formación ante a Valedora do Pobo, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, remitiu un informe sobre a situación do transporte público en Baiona e as melloras que reclamará a Lugove.

Tras conversas coa concesionaria mantidas co Servizo de Mobilidade de Pontevedra, responsable da concesión XG883 e, polo tanto, competente na supervisión da execución do contrato e de ditar as instrucións precisas para asegurar a correcta prestación do servizo público, acordaron para as viaxes entre Baiona e Vigo, e ante o aumento da demanda do transporte público experimentado, requiriuse o reforzo dos servizos en horas punta, realizando ademais as expedicións con vehículos de maior capacidade.

No referente ás condicións de puntualidade, e para dar unha resposta xeral, procedeuse no momento da emisión deste informe, a notificarlle un requirimento ao operador para lembrarlle a obriga de cumprir coas condicións de prestación dos servizos. De cara ao vindeiro verán, realizarase un estudo técnico para o reforzo e a mellora do servizo neste ámbito territorial, dando resposta ao aumento da demanda habitual. Por último, e no que respecta á atención das persoas viaxeiras e á información dos servizos publicada na páxina web do operador e a través do seu número de atención telefónica, no requirimento notificado lembróuselle a obriga de informar ás persoas usuarias adecuadamente e de garantir a atención telefónica conforme ás condicións establecidas.

“Estaremos atentos a que se cumpran os requirimentos enviados”, explica Silva, e de non ser así, “non descartamos facer un chamamento veciñal de protesta para reclamar estas e outras melloras”, lembrando que a empresa segue ofrecendo un servizo inaccesible e pouco inclusivo, xa que as liñas seguen sen ser localizables a través da App Navilens, como prometeran en 2020, nin aumentaron a frota de autobuses de plataforma baixa.