O Plan de Humanización de Baiona continúa coa segunda fase da rúa Carabela Pinta

O Concello de Baiona sacou a licitación a segunda fase da humanización da rúa Carabela Pinta, cun orzamento de adxudicación de 285.000 euros. Esta actuación supón un paso máis no novo modelo de vila posto en marcha neste mandato municipal, con máis espazos de preferencia peonil, mellor accesibilidade e seguridade viaria, cumprindo ademais as directrices do novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Baiona.

A rúa Carabela Pinta é unha das principais arterias da vila. O ámbito da nova fase de humanización constitúe o tramo da rúa desde o seu encontro con Cidade de Vigo, ata a conexión con Marqués de Quintanar, ademais da intervención sobre o extremo Sur da rúa Cidade de Vigo. Por iso, o presente proxecto ten por obxecto realizar as obras necesarias para impulsar a mobilidade e accesibilidade neste tramo, permitindo recuperar espazos para o peón no trazado da rúa.

Este tramo da rúa terá unha solución de plataforma única, dando continuidade á zona xa humanizada, dispoñendo dun novo pavimento que dea prioridade ao peón, mellorando a súa accesibilidade e funcionalidade. Coa humanización, tamén se soterrarán as instalacións urbanas aéreas existentes; así como tamén se proxecta a renovación da canalización de formigón existente de saneamento, con rede separativa de augas fecais e pluviais, a renovación da rede de iluminación, xunto coa substitución da rede de abastecemento, e a incorporación dunha instalación de rega para as zonas verdes.

Así mesmo, dotarase ao tramo de vía intervido co mobiliario urbano necesario, consistente en iluminación, zonas verdes, bancos, papeleiras e un paso de peóns con sinalización intelixente, no encontro do ámbito de actuación coa rúa Marqués de Quintanar.