Trasladan á CEMMA de Nigrán unha foca ferida rescatada en Ferrol

A Agrupación de Protección Civil de Ferrol rescatou na mañá de onte unha foca ferida na praia de Santa Comba. Tal e como explicou esta mañá o edil de Seguridade, Germán Costoya, tras o aviso dun particular a través do servizo 112 a Agrupación de Protección Civil de Ferrol procedeu ao rescate do animal unha vez os técnicos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) valorara o exemplar e recomendara a súa recollida e traslado á Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de mamíferos de Nigrán. Por parte da Agrupación de Protección Civil, participaron no rescate tres efectivos da Unidade de Medio Ambiente e dous do Grupo Operativo de Apoio (GOA).