O “Safari Etolóxico de Garranos” de Baiona, entre as 6 mellores historias de “Green Destinations”

O “Safari Etolóxico de Garranos” entrou na preselección das 6 mellores historias na categoría de “Cultura e Tradición” de “Green Destination 2022 Top 100 Stories”, das cales 3 serán premiadas nunha cerimonia que terá lugar o próximo 7 de marzo na Feira Internacional de Turismo de Berlín (ITB). O pasado 5 de xaneiro deuse a coñecer a noticia de que a proposta, que xa superara unha primeira fase na que entrou entre as 100 mellores historias de éxito, fora escollida entre as 6 mellores no apartado de “Cultura e Tradición”. O nomeamento vén tras a presentación da proposta dos Safaris, posta en marcha na primavera pola Concellería de Turismo de Baiona e a Asociación Finca Moreiras, aos premios outorgados pola organización internacional de destinos sostibles “Green Destinations”.

Desde o Concello de Baiona fomentouse a colaboración entre a administración local e a empresa ofertante desta interesante e pioneira actividade: un safari sostible que descobre este animal salvaxe no seu hábitat e milenario campando ás súas anchas no privilexiado lugar do Alto da Groba. Cada ano, a organización Green Destinations escolle aquelas historias e boas prácticas de turismo sostible de destinos de todo o mundo para compartilas como exemplo que poida ser aplicado noutros destinos. A actividade, realizada en tempada baixa e dirixida a un reducido número de público, consistía nunha visita ao monte para divisar desde a distancia ás mandas de cabalos e explicar de forma directa as súas características físicas, o seu comportamento, tanto entre eles como coa contorna que habitan, e demais curiosidades tanto desde o punto de vista biolóxico como tamén do tradicional.

“O Safari Etolóxico naceu da necesidade de poñer en valor os recursos máis descoñecidos do municipio, como o Monte da Groba, e dar a coñecer un activo tan importante no patrimonio e cultura local como é o cabalo garrano, típico destes montes e elemento fundamental para a conservación do mesmo”, sinala o Alcalde de Baiona e Concelleiro de Turismo, Carlos Gómez Prado, quen engade que “vén ampliar a oferta complementaria de Baiona durante todo o ano e supón unha iniciativa importante de divulgación e difusión do patrimonio natural, cultural e inmaterial de Baiona. Este recoñecemento confirma o éxito obtido por esta actividade e reforza o traballo municipal cara á conversión dun destino máis sostible”.

“Queremos estar preto destas iniciativas que facilitan o contacto coa natureza”, destacou Gómez, quen mostrou a súa alegría con esta campaña “que dá a coñecer o potencial de Baiona como un municipio comprometido co mantemento da súa flora e fauna autóctona”. Gómez Prado finaliza destacando que “se trata dun recurso natural polo que o goberno local quere apostar para atraer visitantes en tempada baixa, ademais de para reforzar a oferta lúdica durante todo o ano. Tamén co obxectivo de poñer en valor o inmenso patrimonio natural das nosas parroquias”.

VOTACIÓN

Dentro da iniciativa para premiar as mellores historias de éxito de destinos sostibles, Green Destinations abre unha sexta categoría de premios: o People’s Choice Award, para que o público poida apoiar a súa historia favorita. A candidatura de Baiona pódese apoiar realizando un formulario. A votación está aberta ata o 23 de xaneiro a medianoite. Para garantir unha selección xusta, os votos están limitados a un por persoa. O destino que reciba máis votos recibirá o Premio do Público na cerimonia de entrega dos Green Destinations Story Awards na ITB de Berlín na que Baiona está nomeado tamén na categoría de Cultura e Tradición.

Link para votar