Baiona rexistrou un 60% de ocupación hoteleira no Nadal

“Os datos que o noso observatorio de turismo ten analizado tralas datas de Nadal non poden ser mellores” manifestou a presidenta da Deputación Carmela Silva ao facer balance dos resultados “estratosféricos” do sector na provincia entre o 24 de decembro e o 8 de xaneiro. A ocupación media en establecementos hoteleiros provinciais superou o 66%, duplicando os datos turísticos do Nadal anterior e situándose o concello de Vigo, cun 90%, e picos do 100% nas fins de semana, na cabeza do ranking. “Síntome moi satisfeita –asegurou a presidenta-. Alégrome moito polo sector, pola economía que xera e polos postos de emprego que se crearon”.

A cidade de Vigo liderou de forma rotunda a ocupación en establecementos hoteleiros cun 90% e mesmo co 100% durante as fins de semana. Tras Vigo sitúase Sanxenxo co 70%, O Grove co 68%, Pontevedra co 60% e Baiona co 60%. Por comarcas tamén a viguesa encabeza o ranking de ocupación en establecementos hoteleiros cunha porcentaxe que superou o 80%. O Salnés acadou o 62%, a comarca de Pontevedra o 60%, O Morrazo o 55%, Deza e Terra de Montes o 54%, as comarcas de Caldas, O Condado e A Paradanta o 52% e a comarca do Baixo Miño o 50%.

“O noso obxectivo, cando comezamos a gobernar na Deputación – fará en agosto 8 anos-, era desestacionalizar o turismo e hoxe podemos afirmar que o temos conseguido, que temos visitantes ao longo de todo o ano e que os datos son mellores ano tras ano”, manifestou Carmela Silva. “Acadar unha media do 66% no Nadal na provincia é unha cifra moi importante, non podemos esquecer que antes de que se producise o crecemento exponencial de visitantes pechaban moitos hoteis”, indicou.

En canto ao turismo rural as cifras acadadas este Nadal duplican, ao igual que aconteceu cos establecementos hoteleiros, ao anterior, cunha porcentaxe media que rozou o 40%. Neste caso a comarca de Pontevedra superou o 50% de ocupación, a de Vigo o 45%, a comarca de Caldas o 43%, O Morrazo o 40% e as comarcas de Deza e Terra de Montes o 25%.

En vivendas turísticas a porcentaxe de ocupación media na provincia situouse preto do 70% destacando de novo, neste tipo de aloxamentos, a cidade de Vigo, cunha ocupación que rozou o 95%. “Trátase dunha media altísima –asegurou a presidenta- similar á que por exemplo podemos acadar en xuño cando comeza a época turística máis potente”.

As cifras turísticas “estratosféricas” reflectíronse tamén nas visitas ao Castelo de Soutomaior, onde se rexistraron 1.000 visitantes máis que no Nadal do 21. En total achegáronse ata o recinto histórico 2.500 persoas das cales 1.500 percorreron os seus xardíns e preto de 1.000 visitaron a musealización do Castelo.