
Os estragos causados polos temporais do pasado Nadal na provincia de Pontevedra esixen dunha resposta inmediata por parte dunha Xunta de Galicia que non pode seguir eludindo as súas competencias. Así o acordaron os alcaldes e alcaldesas e tenentes de alcalde dalgúns dos concellos máis afectados, reunidos hoxe en Tui nun “cumio” organizado polo secretario xeral provincial, David Regades, e a presidenta do PSdeG, Carmela Silva. Regades reclamou que a Xunta “deixe de botar balóns fóra” e declare de inmediato a situación de emerxencia de interese galego, é dicir, da figura legal que ampara o reparto das axudas directas tanto á veciñanza como aos concellos.
Na mesma liña, Carmela Silva subliñou que se dan tódolos requisitos establecidos na Lei de Emerxencias de Galicia 5/2007 para que o Consello da Xunta aprobe a emerxencia de interese galego e habilite as modificacións orzamentarias necesarias, tal e como establece o artigo 36 deste texto legal. Asemade, a Xunta debe aprobar xa o Decreto para establecer os criterios de reparto das axudas e evitar que se fagan “a dedo”, como adoita facer a Xunta en base á cor política dos concellos. Esta regulación vén recollida expresamente no artigo 38 da Lei de Emerxencias.
David Regades, despois de escoitar aos responsables municipais, recalcou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “non pode seguir ausente porque hai un clamor de alcaldes e alcaldesas e de veciños e veciñas que se escoita en toda a provincia” onde hai moitos concellos gravemente afectados e que viron como servizos e espazos públicos quedaron moi danados. Algúns dos danos afectan a infraestruturas con competencias compartidas, como os grandes colectores de saneamento, e o importe dos danos supón, en moitos casos, un grave quebranto para as economías municipais.
Os alcaldes e alcaldesas destacaron que tan só en 2016 a Xunta aplicou esta previsión da Lei de Emerxencias para repartir axudas para paliar os danos da vaga de lumes, pero daquela as subvencións foron moi escasas, pouco transparentes e chegaron a moi pouca xente.
Regades engadiu, que con independencia de que a Xunta ten que asumir a súa responsabilidade, o PSdeG-PSOE da provincia tamén está en contacto permanente coa Delegación do Goberno para difundir a posibilidade de que a veciñanza afectada solicite as axudas recollidas no RD 307/2005 que cubre os danos a particulares en vivendas habituais ou nos “aveños” básicos a raíz de situacións catastróficas.