Jesús Vázquez Almuiña será o candidato do PP: “Temos que reconstruír Baiona”

Alfonso Rueda presentou este mércores a Jesús Vázquez Almuiña como candidato á alcaldía de Baiona. O presidente do Partido Popular de Galicia asegurou que a candidatura de Almuiña será “a excepción á regra de que segundas partes nunca foron boas” porque “xa realizou esta carreira en catro ocasións e sempre lle saíu ben” e está convencido de que “volverá facelo” o próximo 28 de maio.

Alfonso Rueda remarcou que “non hai outro candidato que acredite máis capacidade de xestión”, poñendo en valor así a súa traxectoria como alcalde, como conselleiro de Sanidade e actualmente á fronte dun dos maiores portos de Europa. “Jesús Vázquez Almuiña está sempre onde se lle necesita e onde cre que o pode facer ben, e nestes momentos onde máis se lle necesita e onde mellor o vai facer é en Baiona”, engadiu.

Afirmou neste sentido que “Baiona retrocedeu nos últimos catro anos dunha forma que parecía imposible, pasando a un lugar que nin merece nin pode permitirse e onde non pode seguir nin un minuto máis” e por iso anima ao candidato e ao seu equipo a “recuperar todo o perdido”. O líder dos populares concluíu que Jesús Vázquez Almuiña “sabe o que fai falta en Baiona e o que ten que facer para conseguilo” e por iso mostrouse convencido de que “a partir de maio haberá un alcalde en Baiona que sabe facer as cousas ben”.

“TEMOS QUE RECONSTRUÍR BAIONA”

O recentemente elixido candidato do PP á alcaldía de Baiona asegurou que decidiu dar o paso e asumir esta responsabilidade “ante o grave deterioro dos servizos públicos, a parálise da vida municipal e a petición de moitos baioneses”. Afirma neste sentido que afronta “con humildade” e “desde o entendemento do servizo público como a mellor forma de axudar á xente” o reto de “conseguir por quinta vez unha maioría para conformar un goberno estable para Baiona”.

“Temos que reconstruír Baiona para que volva ser unha sociedade cordial, na que se goberne e se presten servizos para todos. Porque aquí non hai bos nin malos, hai baioneses”, asegurou Jesús Vázquez Almuiña. O candidato dixo estar preparado para “volver situar a Baiona no lugar que merece” e “dar aos veciños as respostas que necesitan” ofrecendo como avais o traballo, a humildade e “un equipo ilusionado e ilusionante”.

“Desde a humildade, aspiro a que cando nos vaiamos poidamos dicir que deixamos unha Baiona mellor da que nos atopamos”, concluíu. Hoxe, na presentación do candidato popular á alcaldía de Baiona, na que interveu tamén o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López e á que asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a secretaria provincial, Luisa Piñeiro.