Gondomar presenta o seu Calendario de Igualdade dedicado a 12 mulleres destacadas

A través da edición dun calendario o Concello de Gondomar quere poñer en valor a vida profesional e persoal de 12 mulleres, algunhas delas xa falecidas que son, ou teñen sido, referentes en diferentes ámbitos. Este almanaque, que chega á súa 4ª edición, dedica o mes de xaneiro no que estamos a Esther Estévez Cortegoso, que foi unha das primeiras mulleres en acadar o divorcio, despois da aprobación da lei no ano 1981. Ao longo dos doce meses establécese un percorrido pola vida e a traxectoria de doce mulleres destacadas, como a protagonista do mes de febreiro, Rosalía Alonso, que con 60 anos aprobou as oposicións de Correos, pero que leva toda unha vida vencellada a un oficio, o de carteira, que herdou do seu pai.

Neste calendario mestúranse mulleres aínda en activo, con outras xa retiradas da súa profesión, ou outras xa falecidas, e que serán os seus familiares os que nos axuden a poñer en valor a súa memoria. O acto de presentación que terá lugar no Auditorio Municipal Lois Tobío, este sábado 14 de xaneiro a partir das 18:00 horas, estará presidido polo alcalde Paco Ferreira, contará coa participación das propias homenaxeadas, dos seus familiares, amigos e veciños, que non queren perderse a oportunidade de brindarlles unha homenaxe máis que merecida.

O rexedor local Paco Ferreira afirma que “a edición deste calendario e o acto que imos a celebrar este sábado é unha homenaxe non só a estas 12 grandes mulleres e ás súas familias senón que tamén é unha homenaxe a todas as mulleres de Gondomar, que en moitos casos silenciadas pola súa condición de muller, fixeron posible que Gondomar sexa o que é hoxe. Dende o goberno local seguiremos facendo o necesario para darlles visibilidade e seguiremos a loitar por unha sociedade máis igualitaria. Gondomar xa é un referente nas políticas de igualdade e no seu apoio ás mulleres e seguiremos a traballar arreo para que o siga sendo”.