Os afectados polas enchentes dos ríos Miñor e Zamáns organizaranse como asociación

A pasada semana tivo lugar unha asemblea de afectados polas enchentes dos ríos Miñor e Zamáns no Auditorio Lois Tobío de Gondomar. Asistiron á mesma cerca de 100 persoas afectadas tanto da Vila de Gondomar coma do Barrio da Ponte en Mañufe. Todas as persoas asistentes coincidiron na preocupación e na gravidade do acontecido neste Nadal e na necesidade de buscar solucións urxentes ao problema que están convencidos que non é cuestión de facer grandes obras senón de coidar e manter limpos de atrancos os ríos.

“Que a auga poida fluír sen as represas que provocan as ducias de árbores caídas (maiormente acacias de grande porte); o control dos recheos ilegais; a apertura dos ollos ocultos nas pontes de Mañufe e da Xunqueira, entre outras medidas ben sinxelas, pode supoñer rebaixar de 20 a 40 cm o nivel das enchentes e poñer a salvo as nosas vivendas, garaxes ou baixos comerciais, etc. Sabemos que enchentes hóuboas sempre e vainas seguir habendo, trátase xa que logo de minimizar o seu impacto con medidas lóxicas”, sinala Antonio Araújo, voceiro provisional dos afectados. Neste sentido os veciños do Barrio da Ponte en Mañufe ven con preocupación as obras que a Xunta vai iniciar nos ríos Zamáns e Miñor no centro da Vila de Gondomar, que poden aliviar a Vila pero, se non se actúa na ponte de Mañufe e río abaixo, verán incrementado o caudal das enchentes no seu barrio, con máis auga en menos tempo e con máis forza.

Os acordos da asemblea foron en primeiro lugar constituírse legalmente como asociación de afectados, creando unha xestora formada por 18 persoas, pois entenden que a organización dos veciños é básica para que non se esqueza o problema e tamén para que se conte con eles á hora de buscar solucións. Nese senso acordouse tamén non descartar ningunha vía de actuación para conseguilo, dende a mobilización até as reclamacións de responsabilidades pola vía legal. “No mes de setembro Augas de Galicia, a Delegada Territorial da Xunta en Vigo, a Subdelegación do Goberno e a propia Presidencia da Mancomunidade do Val Miñor, e por suposto o Concello de Gondomar, foron advertidos desta situación por escrito facendo caso omiso das devanditas comunicacións. Agora, as peticións de Zonas Catastrófica, de Plans Integrais contra as enchentes, etc. que anuncian nos medios de comunicación os diferentes organismos públicos, son para nós pouco cribles. Con todo, estaremos atentos para que se cumpran”, conclúen Araújo.