O BNG en Baiona presenta alegacións contra o proxecto do parque eólico Toroña

O Parque Eólico Toroña preténdese instalar na provincia de Pontevedra nos termos municipais de Tomiño, O Rosal, Oia e Baiona, no espazo natural coñecido como Serra da Groba. O proxecto consiste na colocación de 10 aeroxeradores de máis de 100 metros de altura, dos cales, 3 proxéctanse no concello de Baiona.

O Bloque Nacionalista Galego en Baiona vén de presentar alegacións á vista do anuncio do D.O.G. do pasado 12 de decembro de 2022 da Vicepresidencia Segunda e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación e da Xefatura Territorial de Pontevedra, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de interese autonómico, e declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Toroña.

O BNG considera que a Serra da Groba constitúe un dos espazos montañosos atlánticos, de maior interese ambiental e paisaxístico do sur de Galicia. Constitúe unha área de paso nas migracións de diversas especies de aves, tanto terrestres como acuáticas, e conta coa presenza de diferentes hábitats e especies de flora e fauna a protexer segundo diferentes Directivas Europeas e Catálogos de Fauna Ameazada. Do mesmo xeito, posúe un patrimonio cultural de carácter etnográfico e arqueolóxico extraordinario e único, cuxa conservación e posta en valor desde unha perspectiva histórica, científica e turística é totalmente incompatíbel coa instalación de parques eólicos.

O proxecto ten unha deficiente ou inexistente valoración dos impactos e na cualificación da alteración da calidade da paisaxe e non ten en conta a afectación aos intereses económicos, de biodiversidade e multifuncionalidade produtiva do monte nin responde a un ordenamento territorial dun sector estratéxico en Galicia. Xa que logo, e tendo en conta as recentes Declaracións de Impacto Ambiental desfavorables doutros parques eólicos fragmentados proxectados na mesma Serra da Groba e o informe do Consello da Cultura Galega sobre a enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia, o BNG en Baiona solicita que se resolva negativamente e se denegue a autorización administrativa e que non se aprobe o proxecto de execución deste parque eólico e menos aínda a declaración de utilidade pública.