Baiona acollerá unha segunda edición da formación “Galegas Dixitais”

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona continua coa súa colaboración con “Galegas Dixitais”, un programa de formación para a dixitalización das mulleres totalmente gratuíto promovido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e financiado a través dos fondos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea. Está organizado por Beproyect Consultores e Ara Formación e o seu principal obxectivo é mellorar as capacidades dixitais de mulleres que se atopan en situación de desemprego ou en mellora de emprego. Preténdese favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero.

Yasmina Moreira, concelleira da área de Igualdade, sinala que despois da primeira edición do curso hai mulleres interesadas en recibir esta formación, por iso, considera que unha segunda edición é necesaria no municipio para dar resposta ás súas demandas. “É unha oportunidade que lles dá ferramentas para adaptarse a un mundo cada vez máis dixitalizado e que sen dúbida mellorará a súa empregabilidade”. As participantes na iniciativa realizarán un itinerario formativo deseñado para avanzar en tres niveis: dende o básico de competencias dixitais ata un grao máis avanzado que ademais permitirá ás mulleres iniciarse se así o desexan en competencias dixitais para o emprendemento.

A formación está agrupada nos seguintes bloques temáticos: competencias dixitais básicas con 40 horas de duración; competencias dixitais avanzadas con 40 hora de duración; e competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración. O programa desenvolverase dende primeiros de febreiro de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas no Centro Multiusos Ángel Bedriñana. Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil co que poderán poñer en práctica o aprendido.

As mulleres interesadas deberán presentar a súa solicitude no CIM de Baiona en horario de 9:00 a 14:00 horas ata o 27 de xaneiro, de luns a venres, e achegar fotocopia do DNI, tarxeta de desemprego ou tarxeta de mellora de emprego. Para máis información as interesadas poden contactar no teléfono 986 35 75 54 ou a través do enderezo electrónico cim@baiona.gal.