
Gondomar celebrou este xoves o seu Certame de Rondallas de Reis, un dos máis senlleiros e tradicionais de Galicia, e que chegou á súa edición número corenta coa participación de 13 agrupacións da provincia, 12 delas abandeiradas, catro procedentes de Mos, outras catro de Vigo, dous de Gondomar, unha de O Porriño, outra de Tui e unha última de Nigrán, que sumaban en total máis de 1000 rondalleiros e rondalleiras.
Durante máis de seis horas, por cuarta vez divididas en dúas quendas, unha de mañá e outra pola tarde, as Rondallas Helios de Bembrive, Torroso, Galiñeiro de Vincios, A Merced de Chaín, Pontellas, Santiaguiño de Guizán, Herville, Peña Freixo, Valadares, Beade, Mosteiro Pexegueiro, Santa Eulalia de Mos e Santiago de Parada encheron de cor e música as rúas da vila condal, nas que se congregaron centos de persoas.
Unha a unha fóronse formando na Avda. Eduardo Iglesias para posteriormente desfilar ata o Concello, onde despois de saudar ao alcalde, Paco Ferreira, e ás demais autoridades municipais, e recibir un detalle conmemorativo, ofreceron ao público asistente a súa actuación na Praza Paradela, por primeira vez limitada a 12 minutos. Despois, e antes do pasarrúas final pola Avda. Elduayen, tiña lugar o vistoso encontro entre Rondallas e o cruzamento de bandeiras, co que cada agrupación cede a testemuña á seguinte.
No repertorio puidéronse escoitar desde temas tradicionais, rumbas ou pasodobres, ata versións de éxitos de todas as décadas, sen esquecer as panxoliñas ou as bandas sonoras. “A quién le importa” de Fangoria, “Sobreviviré” de Mónica Naranjo, “The best” de Tina Turner, “Quédate” de Quevedo, “Pousa pousa” de A Roda, “In the navy” de YMCA, “Rasputin” de Boney M, “Lodo” de Xoel López, “O tren” de Andrés do Barro, “Pídechas o corpo” de Ana Kiro, a banda sonora de “El príncipe de Egipto” ou os temas populares “Lévame lévame” e “A saia da Carolina”, son algunhas das melodías que soaron en Gondomar.
O Concello de Gondomar leva varios anos traballando para conseguir que este certame sexa declarado festa de interese turística galega. O rexedor local, Paco Ferreira, destacou que “as Rondallas son unha das tradicións máis arraigadas na nosa vila e o noso certame un dos máis importantes de todos cantos se celebran en Galicia e por tanto creemos que merece a consideración de festa de interese turística, e para elo estamos a traballar dende o goberno local”.