
O departamento de Patrimonio da Deputación vai repartir 380.792,89 euros en axudas para proxectos de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural en toda a provincia. En total financiaranse 53 actuacións de posta en valor da riqueza patrimonial en concellos de todas as comarcas mediante a súa recuperación e mellora.
Inicialmente a partida destinada ás subvencións ascendía a 300.000 euros, mais incrementouse en case 81.000 euros co fin de financiar a maioría das actuacións na súa meirande parte. No caso do Val Miñor reciben subvención todos os concellos da comarca: Baiona 6.056,62 euros (o 83,01% do solicitado), Gondomar 13.352,48 euros (o 45,76%) e Nigrán 13.132,20 euros (78,36%).
Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega, desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta con estas liñas de subvencións que pretenden a restauración de bens inmobles de titularidade municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico.
Tamén é subvencionable a adquisición de bens inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia de Pontevedra e a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural dos bens inmobles de interese municipal, os conxuntos urbanos, as parroquias, os xacementos e as zonas arqueolóxicas, ademais dos sitios naturais, os xardíns e os parques que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, antropolóxico, artístico ou etnográfico dentro do ámbito territorial da provincia de Pontevedra.
No caso de Nigrán, a axuda será para a mellora dos canóns Munaiz Argüelles de 1907 que tiñan por obxecto defender as costas galegas e que reciben o nome de Batería J3 Monteferro. Actualmente consérvanse dúas pezas que están cheas de pintadas e con maleza arredor, carecendo de paneis interpretativos que dean información sobre os mesmos. No caso do lavadoiro dos soldados, onde se duchaban os mozos que facían o servizo militar en Monteferro, actualmente está cuberto de maleza e cunha árbore caída enriba, polo que se pretende restaurar. Finalmente, tamén se pretende recuperar a fonte da Mina, situada a carón do lavadoiro, que está en mal estado e supón un perigo se alguén entra no interior.
No Concello de Baiona substituiranse os paneis informativos na contorna da Fortaleza de Monte Real e da capela de Santa Marta, instalando mesas informativas interpretativas con datos sobre as construcións, os paseos perimetrais, a descrición dos elementos defensivos como a Torre da Tenaza, o contexto marítimo ou a talasonimia e identificación de puntos de interese da contorna na punta exterior da península de Monte Boi.
En Gondomar o obxectivo é rehabilitar as instalacións do antigo matadoiro municipal, xa que pola súa situación no centro da vila preséntase como un emprazamento idóneo para a localización dunha dotación vencellada ao río e aos seus recursos, así como á recuperación da identidade labrega da vila. Sería así un edificio polivalente encadrado no ámbito doutras dotacións: a antiga praza da feira onde se comercializaba o gando, a antiga Irmandade de Labregos, e o mercado de abastos.