Nigrán despide o Nadal coa “Gran festa dos obxectos”

O próximo día 7 de xaneiro en “sesión vermú”, a partir das 12:00 horas no Auditorio do Concello de Nigrán, terá lugar a “Gran festa dos obxectos” como final da campaña “Este nadal, de regalo unha historia” levada a cabo polo Concello de Nigrán. Xunto cunha sesión DJ con Lakenobaila, haberá roscón de reis, xogos para toda a familia, proxeccións e a exposición “O vaivén dos obxectos”.

O máis orixinal desta festa é que todos os asistentes poderán levar o obxecto que desexen desta exposición (de xeito totalmente gratuíto), na que se atopan todas as cousas que os veciños doaron durante a campaña. Cada obxecto desta mostra é especial e conta unha historia, historias que os seus donos quixeron compartir con todos. Así, os visitantes poderán coñecer moitos relatos curiosos e darlle unha segunda vida a estes obxectos especiais e significativos para que continúen a súa andadura noutras mans.

Máis de 100 obxectos nos contan historias dos veciños de Nigrán

A exposición “O vaivén das historias” estará aberta ó público desde o día 4 de xaneiro no Auditorio do Concello de Nigrán. Aquí atoparemos máis de 100 obxectos especiais, cada un cunha historia particular. Son froito da acción “o vaivén das historias” na que se recolleron os obxectos que cadaquén quixo doar para que teñan unha segunda vida en mans doutra persoa. Descubriremos desde unha pipa que estivo na guerra do Vietnam, ata un unicornio, o xoguete preferido dunha nena… O día 7 os visitantes poderán elixir calquera deles e levalo de balde, xunto coa súa historia.