Nigrán tramita a licencia para a construción dun hotel de 45 habitacións en Porto do Molle

O Concello de Nigrán dispoñerá ao longo de 2023 dun hotel de 45 habitacións e de primeira categoría en Porto do Molle, o único nesta situación. Así, actualmente está a tramitar a licencia da empresa de Nigrán Worpint S.L. para construír esta infraestrutura de catro plantas sobre rasante nunha parcela de 3.048 m² na rúa das Pontes, ao carón do Centro de Negocios. Como servizos complementarios ofrecerá piscina, garaxe, restaurante e zonas verdes de esparexemento.

“É unha moi boa nova para Nigrán gañar prazas hoteleiras porque existe unha clara necesidade ao respecto. Neste caso, hai gran demanda por parte dos negocios e, pola súa situación estratéxica, atraerá a moitos turistas”, defende o alcalde, Juan González, quen subliña que “nos últimos anos tamén se instalou o Val Convention no centro de Nigrán con gran éxito ante o tirón que ten a localidade desde o punto de vista turístico e empresarial”, proba diso é que a promotora é Worpint, firma do sector naval que ten a súa sede no parque empresarial Porto do Molle. “Nigrán gañará un servizo máis moi necesario para xerar riqueza en todo o municipio, porque significará visitantes que se quedan aquí e non noutra na localidade. O persoal que se despraza por negocios a Nigrán ou por turismo moitas veces ten que ir a outras localidades por non ter habitacións dispoñibles”, explica.

O proxecto dos arquitectos Rogelio Pérez e Antonio Ameijeiras expón un edificio illado de catro plantas sobre rasante e unha baixa onde se atoparía o garaxe con 41 prazas, unha zona para bicicletas e servizos privados como lavandaría, almacén ou cuarto de instalacións de aerotermia (enerxía renovable empregada para a climatización sostible). Pola súa banda, no primeiro andar sitúase o restaurante e o salón social, destinándose os tres outros andares ás habitacións (constando dunha suite con terraza en cada un). Na cuberta atópase a zona de piscina cun vaso de 33,5 m² e maquinaria. Na parcela, o 20 % (un total de 644 m²) destínase a zona verde.