“Facémolo porque nos gusta o Nadal, non queremos competir con ninguén”

Ángel Fernández e Maica Costas son un matrimonio de Baiona ao que lle gusta decorar a súa casa polo Nadal. O que comezou fai uns cinco anos xa se converteu en toda unha tradición. “Empezamos con cousas pequenas”, aseguran, e cada Nadal tentan aumentar os adornos “un pouquiño máis”.

A mediados do mes de outubro comezan a montaxe das luces co obxectivo de inaugurar a iluminación o 31 de outubro, coincidindo co día de Halloween e o aniversario de Maica. E fano cunha festa á que convidan a familia e amigos, con fogos artificiais incluídos. Este ano reuniron a unhas 40 persoas na súa leira de Zamáns, aínda que non o puideron celebrar o día habitual, trasladando o evento a finais de novembro.

A montaxe das aproximadamente 20.000 lámpadas led levoulles unhas dúas semanas. Un cordón de grilanda ilumina toda a zona exterior da casa. Nun lateral da leira podemos ver un trineo de Papa Noel e catro renos. Xa no interior, unha gran palmeira co tronco e 22 ramas perfiladas con luces led. E como novidade, unha árbore con luces led RGB de 7 metros de altura, coroado cunha gran estrela, que o próximo ano esperan aumentar en 1 metro máis. Ademais todo elaborado en casa de maneira artesanal.

A iluminación permanecerá instalado ata o 15 de xaneiro, xa que o día 14 é o aniversario de Ángel, poñendo o punto e final con outra festa con fogos artificiais. Ao día seguinte comezarán co desmonte ata o Nadal seguinte. “Cada vez que acaba xaneiro e desmóntoo xa preparo o que vou montar o ano que vén, e gárdoo. Facémolo porque nos gusta o Nadal, non queremos competir con ninguén”.