A Garda Civil desactiva un punto de venda de drogas nun domicilio en Cangas do Morrazo

A Garda Civil desactivou un importante punto de venda e distribución de drogas nun domicilio de Cangas do Morrazo, onde se incautaron diversas cantidades de estupefacientes. O operativo concluíu coa detención de tres veciños da localidade, como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas. As investigacións iniciáronse o mes de febreiro pasado, e culminouse no día de onte coa entrada e rexistro do domicilio onde se efectuaba a venda, situado no barrio de San Roque.

O menudeo de droga que tiña lugar neste inmoble xeraba preocupación, alarma e inseguridade entre os veciños do barrio, pola continua trasfega de toxicómanos, para abastecerse destas substancias estupefacientes, tendo en conta ademais a súa proximidade ao Centro de Ensino de Educación Infantil e Primaria da localidade. Por mor das investigacións realizadas confirmáronse as sospeitas, e despois dos dispositivos de vixilancia establecidos polos efectivos do Equipo de Investigación da Garda Civil de Cangas do Morrazo, púidose confirmar a existencia deste punto de venda.

O operativo culminou coa entrada e rexistro neste domicilio apoiados pola USECIC de Pontevedra, e a detención de tres persoas, unha muller de 19 anos e dous homes de 53 e 55 anos. Estas persoas contaban con distintos antecedentes, un deles trátase dun perigoso delincuente ao que lle constaba unha requisitoria en vigor, de procura e captura con ingreso en prisión, tamén por tráfico de drogas. Os detidos e os efectos intervidos pasarán ao dispor do Xulgado de Instrución número Un de Cangas.