Anuncios
Ticker de novas

A Xunta patrocinará o I Concurso de Rondallas no IFEVI

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // A Rondalla de Parada no Certame de Rondallas de Vigo.

Tras a polémica suscitada pola cancelación do Certame de Rondallas que cada mes de xaneiro se viña organizando no IFEVI, ao non facerse cargo do mesmo o Concello de Vigo polo seu elevado custo, chegan boas noticias para o mundo rondalleiro.

A Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo organizará o próximo 28 de xaneiro ás 17:00 horas o I Concurso de Rondallas no Recinto Feiral de Vigo, grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O evento, para o que haberá que adquirir unha entrada co custo simbólico de 2 euros, recuperará ademais o formato de concurso, eliminado cando o Concello de Vigo fíxose cargo da organización no 2016 tras 34 anos en mans da Deputación de Pontevedra. Así, volverán premiarse ás tres mellores Rondallas e aos tres mellores grupos de Abandeirados.

Participarán todas as Rondallas federadas que se formaron este ano, catro procedentes de Vigo (San Mamede de Zamáns, Valladares, Beade e Freixo), tres de Mos (Santiago de Guizán, Herville e Santa Eulalia de Mos), outras dúas de Gondomar (Galiñeiro de Vincios A Merded de Chaín), unha do Porriño (Pontellas) e unha de Nigrán (Santiago de Parada).

O aforamento será limitado, e as entradas poderán adquirirse a través das Rondallas participantes ou na Agrupación de Centros Culturais, na rúa Panamá, 2, entrechán, Vigo.

Anuncios