260 persoas participan na Residencia de Tempo Libre de Panxón no programa “Xuntos polo Nadal”

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este mércores a Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) onde preto de 260 persoas participan no programa “Xuntos polo Nadal” para maiores de 60 anos que viven soas ou que non teñen con quen pasar estas datas.

O programa permite unha estancia de oito días na residencia, así como desprazamentos en autobús e actividades de animación sociocultural como actuacións musicais, sesións de cine, bailes, obradoiros, campionatos de cartas, excursións ou ximnasia, entre outras moitas.

A convocatoria deste ano 2022 distribuíu as 540 dispoñibles en dúas quendas do 23 ao 30 de decembro e do 31 ao 7 de xaneiro. Na residencia de Panxón ofértanse 260 prazas, mentres que na de O Carballiño 280.