Panxón acolle a V Xuntanza dos Arroases do Val Miñor

Panxón acollerá este sábado 31 de decembro a V Xuntanza dos Arroases do Val Miñor. Trátase dunha nadada non competitiva e solidaria para desfrutar deste deporte nas “quentes” augas do Val Miñor. A saída será con puntualidade ás 11:00 dende a rampla do Porto de Panxón. Recomendan chegar con tempo para aparcar, recoller o gorro conmemorativo, entregar os alimentos solidarios e prepararse para a nadada.

O percorrido é totalmente costeiro: dende o principio de Panxón ata a boia que se colocará fronte ao faro de Praia América, coma o ano pasado. Son 1.500 metros. Os participantes estarán acompañados por embarcacións lixeiras do Club Marítimo de Panxón, que un ano máis, colabora coa Xuntanza. Os grupos (que con todo se adaptarán ás circunstancias da meteoroloxía) levarán os seguintes ritmos explicados en minutos cada 100 metros: Primeiro grupo entre 2’30” e 2’, Segundo grupo entre 1’50” e 2’, e Terceiro grupo entre 1’40” e 1’30”.

En Panxón farase entrega dun gorro de natación conmemorativo do evento (agasallo do Concello de Nigrán coa proba solidaria). Para ter o reconto dos gorros e a súa asignación, é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo arroasesdovalminor@hotmail.com. No correo hai que poñer o nome e apelidos, localidade, grupo de nadada e un número de teléfono de contacto.

Unha vez deixada atrás a pandemia poderase desfrutar de novo do terceiro tempo así que, ao remate da proba, haberá un chocolate quente a pé de praia cortesía da cafetería Lalo’s de Panxón. Logo os participantes xuntaranse todos no Club Marítimo onde comentarán a travesía xunto a unha cervexa (non incluída no prezo da inscrición) e uns pinchos (agasallo do club) para repoñer forzas. Os alimentos entregaranse directamente aos Servicios Sociais do Concello de Nigrán no propio porto pesqueiro ao tempo que se recolle o gorro.