O Grupo Socialista urxe á Xunta a renovar as beirarrúas e o saneamento da rúa Pablo Iglesias en Priegue

A parlamentaria Socialista Leticia Gallego anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que leve a cabo a renovación das beirarrúas e o saneamento da rúa Pablo Iglesias, na parroquia de San Mamede de Priegue, no concello de Nigrán. Gallego visitou a rúa xunto co alcalde de Nigrán, Juan González, para comprobar en primeira persoa o estado do tramo urbano da estrada autonómica PO-552.

A responsable socialista alertou de que a vía resulta impracticable para os peóns en condicións de seguridade, xa que “por tramos é moi estreita, ata o punto de que non pasa un carriño de bebé”, o que evidencia as malas condicións da infraestrutura. Gallego acusou ao PP de ter rexeitado a emenda dos socialistas aos orzamentos da Xunta reclamando unha partida para levar adiante unhas obras imprescindibles para a rúa.

Sinalou que “se a Xunta carece de orzamento pode reorientar as partidas destinadas ao recentemente anunciado aparcamento disuasorio de Vilariño”, que corresponde a unha “decisión unilateral que ten asumido a Xunta de Galicia sen tan sequera consensuala co goberno de Nigrán e sen lugar a dúbidas a renovación do saneamento, reparación e accesibilidade das beiravías de Priegue si son unha prioridade”.

Na visita os veciños e os hostaleiros mostraron a súa indignación polo estado calamitoso das beiravías de esta estrada autonómica “e, moito nos tememos, que ao final terá que ser o concello o que volva asumir o custe e renovación dunha estrada autonómica e con competencia da Xunta de Galicia”.