Detidas 5 persoas relacionadas co homicidio do home achado nun pozo do Porriño

A Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda civil de Pontevedra, detivo o pasado día 20 de decembro de 2022, a 5 persoas nas localidades de Vigo e O Porriño, responsables da comisión dun Delito de Homicidio, Detención Ilegal e Encubrimento, supostamente ocorrido o día 13 de outubro de 2018. A investigación denominada policialmente “PROFUNDO 21”, é tutelada polo Xulgado de Instrución número tres do Porriño. Os feitos sucederon no ano 2018, a operación deu comezo tras o achado do cadáver dun home o día 21 de febreiro de 2021, en estado de putrefacción no interior dun pozo situado no termo municipal do Porriño.

O Departamento de Bioloxía da Dirección Xeral da Garda Civil, obtivo o perfil xenético do cadáver, por mor do húmero e o fémur extraídos polos Médicos Forenses no momento da práctica da preceptiva autopsia. Como consecuencia diso, os identificadores de ADN foron inscritos na Base de Datos de ADN humano da Secretaría de Estado de Seguridade, non obténdose ningunha coincidencia con outros perfís xenéticos. A principios do ano 2022, a Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), realizou unha aproximación do rostro da vítima a partir das súas estruturas óseas faciais, que foi publicado en diferentes medios de comunicación, que resultou fundamental para a súa posterior identificación.

O 17 de marzo de 2022, unha cidadá de nacionalidade portuguesa, púxose en contacto coas autoridades policiais españolas, comunicando que recoñecía á persoa que publicaba a prensa e que se podería corresponder co seu irmán, que se atopaba desaparecido desde facía tres anos. Tras a análise e estudo por parte do Servizo de Bioloxía da Dirección Xeral da Garda Civil dunha mostra de ADN tomada a este familiar, co perfil xenético do cadáver, este puido ser identificado fidedignamente, correspondéndose coa vítima de 40 anos de idade, con antecedentes policiais.

Unha vez obtida a identidade da vítima, os investigadores tras unha complexa investigación desenvolvida, que durou máis dun ano, conseguiron reconstruír os últimos movementos coñecidos realizados polo falecido, determinando finalmente, que este desaparecera o día 13 de outubro de 2018, na localidade de Vigo, momento no que supostamente se produciron os feitos investigados. Tras as xestións practicadas, os investigadores obtiveron as probas necesarias que permitiron identificar os autores materiais do feito investigado, tratándose de 5 persoas de nacionalidade española.

Das actuacións practicadas, pódese concluír, que o móbil do Homicidio puidese estar relacionado con estafas que supostamente realizaba a vítima no sector da compravenda de vehículos. Tres dos detidos, aos cales se lles imputan os Delitos de Homicidio e Detención Ilegal foron postos a disposición xudicial. Finalmente, a semana pasada, ditouse o ingreso en prisión de dous dos investigados e decretouse a liberdade provisoria para o terceiro coa obrigación de comparecer unha vez ao mes no xulgado, coa prohibición de saír do territorio nacional.