Roteiro polos beléns familiares de Baiona

Chega o Nadal e con ela veñen todas as decoracións típicas destas festas familiares e un dos plans que máis gusta nesta época é visitar os diferentes beléns que están repartidos ao longo e ancho da localidade. Para os máis pequenos da casa visitar os nacementos é unha actividade que poden realizar acompañados dos seus pais e tamén de amigos. Todas aquelas persoas que queiran vivir esta bonita experiencia poderano facer o vindeiro xoves, 29 de decembro, da man de COEMSA en colaboración co Concello de Baiona.

O punto de saída da caravana de visita aos distintos puntos da localidade para coñecer de primeira man os beléns visitables familiares será o Multiusos Mercado de Sabarís e a hora de partida as 17:30 horas. Un percorrido para o que será necesario dispoñer de toda a tarde xa que cada belén é único e iso faios especiais, xa que se viven novas experiencias que atrapan aos visitantes noutra época e envólvenos nun ambiente que non deixa indiferente a ninguén. Cos anos volvéronse máis sofisticados e queren que tanto grandes como maiores vivan a experiencia como algo único.

Exemplo dun destes bonitos beléns visitables familiares é o de Manuel Carou, quen realiza un belén visitable na súa casa de San Cibrán, xa recoñecido dentro do roteiro de belenistas. Todas as figuras en movemento cun audio que narra o nacemento de Xesús. Cabe lembrar que o Multiusos Mercado de Sabarís expón ata o próximo día 8 de xaneiro os vinte traballos que participan no Certame de Microbeléns que organiza a asociación de comerciantes Coemsa en colaboración co Concello de Baiona. Poderán visitarse de luns a venres de 18:00 a 21:00 e as fins de semana de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.

Un xurado outorgará o premio ao máis orixinal e ao máis traballado. O voto dos visitantes decidirá cal é o nacemento máis popular dos que se mostran na sala. O xa tradicional concurso inclúe unha categoría para os beléns familiares en domicilios particulares con tamaño libre e presentáronse un total de oito. A entrega de premios do Concurso de Micro-Beléns será o luns 26 de decembro ás 20:00 horas no Multiusos Mercado de Sabarís.

Neste mesmo espazo, durante estas datas de Nadal púxose en marcha a campaña “Troco Xoguete”, na que os máis pequenos e pequenas da casa poden intercambiar os seus xoguetes con outros que hai depositados alí e mesmo deixar xoguetes para a ONG local “Ayuda al Mundo Necesitado”. Tamén se está levando a cabo unha recollida de alimentos para a ONG local polo que todo aquel que queira colaborar coa súa achega poderá levar alimentos ata este espazo de Sabarís.