Os usuarios da piscina desconvocan o seu peche, a auga volverá a 28,5°

Os usuarios afectados pola baixada da temperatura da auga da piscina mancomunada desconvocan o seu peche ao conseguir o seu obxectivo tras tres noites durmindo no consistorio nigranés. Corroboraron que a concesionaria das instalacións recibiu o escrito de proposta polo que a Mancomunidade lle compensará polo gasto enerxético derivado da subida en tres graos do mercurio, de 25 a 28,5. Con todo advirten que se en poucos días non teñen no seu poder o documento de acordo por escrito volverán ás protestas sen descartar novos peches.

A súa portavoz, Eudosia Pérez, asegura que está disposta a comer as uvas no salón de plenos municipal se a solución non chega de maneira inmediata, aínda que polo momento darán unha marxe ao alcalde e presidente de quenda, Juan González, tras os últimos avances logrados. A vintena de veciños que acoden ás actividades acuáticas no complexo da Ramallosa elevaron á súa máxima expresión o dito “o que a segue, conséguea” deixando sobre a mesa dunha maneira máis que evidente que están dispostos a todo con tal de que as instalacións prosigan coa súa actividade habitual. A noticia foi dada a coñecer nun pleno simulado e presidido por Eudosia, entre unha cama inchable, megafonía, unha máquina de café, zapatillas e cuncas de almorzo.