Os usuarios do Centro Juan María terminan a súa aventura en Londres

Un grupo de oito usuarios e usuarias do Centro Juan María, acompañados de tres monitores, puxeron rumbo o pasado mércores a Londres para gozar de cinco días de actividades turísticas, lúdicas ou culturais na cidade, no que foi a súa primeira viaxe a Europa. Os mozos e mozas encargáronse da xestión e organización dunha viaxe de baixo custo co apoio do equipo de lecer. Eles buscáronse o destino, os lugares para visitar, posibilidades de transporte, métodos de financiamento, aloxamento, etc.

O xoves visitaron Trafalgar Square, pasando polo famoso Big Ben, e subíronse a The London Eye e así poder contemplar unha panorámica de toda a cidade, para acabar a xornada na Abadía de Westminster. No seu terceiro día na capital británica o sol acompañou e cruzaron a cidade para ir a Greenwich, onde está situado o meridiano cero, The Queen’s House e o barco Cutty Shark, entre outros. Despois, colleron un barco que lles deixou no peirao de The Tower Bridge, onde puideron contemplar a famosa ponte.

O sábado a choiva fixo a súa aparición durante todo o día, polo que aproveitaron para visitar o British Museum, onde se penetraron nas civilizacións de Mesopotamia, Grecia ou Exipto, para logo irse de compras a diferentes tendas para traerse agasallos a casa. O domingo acabou a súa aventura en Londres, e xa en casa, con moi bo sabor de boca, toca volta á rutina e pensar na seguinte viaxe.

Os protagonistas deste proxecto atoparon por primeira vez acceso ao turismo internacional mentres descobren a súa capacidade de organización e xestión da visita. Unha experiencia pioneira moi positiva que dá resposta aos seus intereses, fomenta a súa autonomía, capacidade de decisión, manifestación de gustos ou preferencias e a realización de actividades normalizadas fomentando así a súa inclusión na sociedade.

Anuncios