O BNG denuncia que a Mancomunidade non executou o acordo plenario que permitiría dar solución ao conflito da piscina

O BNG denuncia que a mancomunidade aínda non executou o acordo plenario que permitiría dar solución ao conflito da piscina. A organización nacionalista constatou que, a día de hoxe, aínda non fora encargada a medición e cuantificación do custe real de manter a temperatura de 28º. Quince días despois de celebrado o pleno en que foi aprobada a moción do BNG, e logo de ter anunciado Juan González na reunión de hai unha semana que xa estaba encargado o estudo á empresa INTO Galicia Consulting, aínda non consta no servizo administrativo da mancomunidade orde algunha nese sentido.

Desde o Bloque esixen ao seu actual Presidente, o alcalde de Nigrán Juan González, e aos seus vice-presidentes Carlos Gómez e Paco Ferreira, Alcaldes de Baiona e Gondomar respectivamente, que executen os acordos da moción do BNG aprobada por unanimidade no pleno da entidade celebrado o pasado 7 de decembro. A moción recollía como primeiro acordo “instar ao goberno da Mancomunidade a elaborar, de xeito inmediato, un informe técnico que cuantifique o incremento do custe real que supón manter a temperatura da piscina no rango de 27º a 30º con respecto á de 25º”. Ese informe técnico, ademais de servir de contraste coas esixencias da empresa concesionaria, deberá servir de base para estudar unha eventual modificación do contrato coa finalidade de fixar as novas condicións de prestación do servizo no que respecto á temperatura da piscina. Termo que actualmente non figura no contrato e que permite que a empresa a manteña nos limites máis baixos do rango que marca a lei.

Tal como figura no informe de secretaría a respecto das propostas da empresa, o prego de prescricións técnicas da concesión prevé esta posibilidade, e di textualmente “prescindir totalmente deste procedemento para adoptar un acordo adoptado verbalmente e plasmado nunha sorte de convenio, provocaría que este acordo fora nulo de pleno dereito”.

Aposta do BNG pola xestión pública das instalacións

Xa cando se outorgou a actual concesión, en 2018, o BNG propuxera que se estudara a posibilidade da xestión pública, termo que foi descartado desde o primeiro momento tanto polo PP como polo PSOE, que se sucederan no goberno da Mancomunidade. Mais de ter hoxe a xestión pública directa da piscina non se produciría este problema da baixada da temperatura da auga.

Nesa mesma liña, a moción do BNG aprobada inclúe un punto en que se insta ao goberno da Mancomunidade a realizar os trámites necesarios para pasar a explotar a piscina e todo o complexo deportivo mediante xestión pública directa, incluída a subrogación dos postos de traballo do persoal. No entanto, establecerase unha nova concesión de transición polo mínimo tempo posible, que deberá axilizarse para evitar, na medida do posible, as prorrogas coa actual empresa e que deberá establecer nos seus pregos de condicións rangos de temperaturas idóneos que eviten situacións como as actuais.

Solidariedade coas persoas usuarias e co persoal. Rexeitamento á súa utilización.

Para o BNG resultan lamentables actitudes como a do Alcalde de Gondomar que, “no canto de forzar a presenza e participación de persoas usuarias e do colectivo de traballadoras na reunión que a mancomunidade mantivo coa empresa a semana pasada e á que el mesmo non se presentou, decidiu, unilateralmente, reunirse con elas, por separado e ese mesmo día, como se a solución estivera na súa man, vendéndolles unha proposta que non conta con informe favorable de Secretaría. Máis unha vez o oportunismo de Paco Ferreira que non dubida en utilizar a urxencia por resolver o problema para facerse a foto”.

Desde o BNG “expresamos o noso rexeitamento á utilización das persoas usuarias e do persoal, tanto por parte da comisión de goberno da Mancomunidade como por parte da empresa concesionaria”. Pola contra, “apostamos pola seriedade e rigorosidade das propostas políticas realizadas nas institucións, e pola acción colectiva e a mobilización social como ferramentas para acadar melloras”. E por iso que, “ademais de esixirmos a execución inmediata dos acordos plenarios, trasladamos toda a nosa solidariedade ás persoas usuarias que manteñen un peche no concello de Nigrán”.