A CEMMA pecha a conmemoración do seu 30 aniversario cun acto de divulgación científica en Camos

Este venres día 23 de decembro, e como remate dos actos conmemorativos dos 30 anos da CEMMA, terá lugar o acto de divulgación científica “Notas e silencios: o mundo acústico dos cetáceos”. O acto dará comezo ás 20:00 horas no Centro Cultural de Camos, A Camoesa.

Acústica

O mundo dos cetáceos é fundamentalmente acústico, dado que comprenden o seu mundo a través dos sons (notas), e dos silencios, que os rodean. Deste xeito abrirá o acto a intérprete zanfonista Uxía Vázquez, oceanógrafa e vicepresidenta da CEMMA. A través deste instrumento introducirá aos presentes no mundo acústico dos cetáceos.

A toniña

A toniña, Phocoena phocoena é a especie de cetáceo máis ameazada das nosas costas. Recentemente foi declarada especie en perigo de extinción, polo que a CEMMA está poñendo en marcha actividades divulgativas para proxectar á sociedade a preocupación da desaparición dunha especie singular da fauna mariña.

Phocoenando

O acto servirá tamén para dar un avance e presentar o proxecto Phocoenando, unha iniciativa que a CEMMA porá en marcha durante o ano 2023 en colaboración coa Fundación laCaixa e que terá un forte compoñente de educación ambiental sobre esta especie.

Himno da Toniña

Nesta actividade, que será un punto de unión entre ciencia e arte, será protagonista o Grupo de Canto Popular do Centro Cultural de Peitieiros. Ademais de interpretar varios temas do seu repertorio, presentará a estrea mundial do Himno da Toniña. A sección do Grupo de Canto do CCV Peitieiros, leva anos incorporando ao seu repertorio cantigas tradicionais que son interpretadas in voce ou acompañados de instrumentos musicais. Entre elas destaca unha cantiga mariñeira, con orixe na vila de Baiona, que se titula “Sopra vento do norte”. Sobre esta cantiga popular adaptouse a introdución da mención da toniña coa finalidade de incidir na conservación deste cetáceo. Despois de ter adaptado a cantiga, o Grupo de Canto, dirixido polo músico tradicional Xurxo Antúnez, deleitará aos presentes coa interpretación do tema como peche do acto.

Conmemoración dos 30 anos da fundación da CEMMA

Este acto pecha as actividades que ao longo de todo o ano deseñou a CEMMA como conmemoración do seu 30 aniversario, pois o día 9 de maio de 1992 un grupo de persoas, a título individual e representantes de grupos ecoloxistas, asinan a acta fundacional da CEMMA no Grove, poñendo en marcha unha andadura que abría moitas expectativas na conservación mariña e na educación ambiental. Todo comezou ao redor dun esqueleto de balea azul na Universidade de Santiago en 1990.

Agradecementos: CEMMA quere agradecer á Asociación Cultural de Camos-A Camoesa, Concello de Nigrán, Deputación de Pontevedra, Grupo de Canto Popular do Centro Cultural de Peitieiros e ao músico Xurxo Antúnez, o esforzo para levar a cabo esta iniciativa.