Lucenza organiza en Nigrán a mostra “Prestige, marea negra. 20 anos”

O 13 de novembro de 2002 o petroleiro Prestige sufría un accidente e afundía días despois, botando ao mar, e contra as nosas costas, unha parte moi importante das 70.000 toneladas de fuel que levaba nos seus depósitos. Con tal motivo, Lucenza – Ateneo de Nigrán remata o ano organizando os días 27, 28 e 29 de decembro a mostra-xornadas “Prestige, marea negra. 20 anos”, no que colaboran o Concello de Nigrán e a Plataforma Nunca Máis do Val Miñor. Estas actividades terán lugar nas instalacións do Colexio Humberto Juanes de Nigrán, en horario de 18:00 a 22:00 horas. A entrada e participación é aberta e de balde, ata completar aforo.

Integran o programa charlas e mesas redondas, o visionado de documentais, visitas guiadas orientadas aos rapaces e rapazas e, sobre todo, unha ampla mostra, con fotografías, materiais diversos e documentos referidos a dito momento, no que abondan as referencias ao Val Miñor. Con estas actividades, Lucenza quere lembrar aos que o viviron, e dar a coñecer aos máis novos, o que sucedeu naquel tempo en Galicia e na nosa ría. Abórdanse nesta exposición aquela crise ecolóxica, a reacción social provocada pola catástrofe e a súa mala xestión, así como o xurdimento do movemento Nunca Máis.