Mariluz Pérez Vidal toma posesión como nova concelleira de Nigrán

O Pleno ordinario do Concello de Nigrán acolleu este luns a toma de posesión de Mariluz Pérez Vidal como nova edil do goberno socialista tras a dimisión e entrega da acta o pasado mes de novembro de Nuria Lorenzo. A corporación do Concello de Nigrán queda así representada por 13 concelleiros socialistas no goberno local e 4 do PP na oposición.

Pérez Vidal, veciña de Camos vicepresidenta da Asociación Cultural “A Camoesa” é xubilada tras exercer na súa vida laboral como cociñeira nun catering escolar da ensinanza pública. “Mari Luz é unha persoa moi participativa da parroquia de Camos, onde forma parte da directiva de A Camoesa, e estamos moi satisfeitos de encarar xunto a ela a recta final deste mandato”, resume González sobre a nova edil, que acolle o cargo con “ilusión, humildade e moitas ganas de traballar polo benestar da veciñanza de Nigrán”.

A maiores, o outro punto do pleno foi o recoñecemento extraxudicial de crédito de 10.277, 93 € para o pago de 16 facturas en diferentes gastos co obxectivo de pechar exercicio económico 2022.