Rosalía de Castro xa ten espazo propio en Gondomar

A poetisa máis grande de todos os tempos xa ten espazo propio en Gondomar, ideado ademais baixo unha formulación pouca habitual. A inauguración da Praza Rosalía de Castro celebrouse ao grande con actuacións e recitais onde a cultura cobrou un papel moi destacado. Contou coa asistencia do director da fundación homónima, Anxo Angueira, que ademais de participar no enfoque deste proxecto, certificou as especies que materializan o herbario da poetisa referenciadas ao longo da súa obra. Os códigos QR, unha vez instalados, permitirán unha viaxe interactiva polas plantas e árbores presentes no seu poemario e que aquí se dividen en “as árbores”, “as froiteiras”, “as camelias”, “as herbiñas do camposanto” e “as do campo florido”.

Durante a súa intervención, Angueira destacou “a lección que a vila condal deu a toda a comunidade co enfoque dado ao parque e da que o resto de municipios deberían de tomar nota”. Os seus tres piares principais estrutúranse por áreas temáticas diferenciadas. A cultura e tradición, o feminismo e a gastronomía escenifícanse con fragmentos gravados das súas obras en placas de aceiro corten.

Lograr o consenso para seleccionar as pezas máis representativas do seu catálogo poético non foi tarefa fácil, por iso implicouse ás principais asociacións culturais da comarca e a través dunha mesa redonda. Membros do IEM, de Cantares do Brión, Espazo Lectura, Concello e o propio Angueira acordaron a selección xunto co Concello e o arquitecto do traballo estreado oficialmente onte, Pedro Souto. A velada contou coa asistencia de todos os responsables da iniciativa, así como da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do deputado Santos Héctor. Silva eloxiou emocionada o traballo realizado e cualificou ao alcalde Paco Ferreira de “valente”, por “recuperar o espazo que agora está dedicado ás persoas”.

Ferreira pola súa banda agradeceu aos seus compañeiros de equipo as “longas horas de traballo” e dedicou a praza ao seu número 17 de lista, Juan Francisco Vázquez Alonso, falecido o pasado mes de outubro. Durante o acto inaugural, ademais das quendas de palabra, tamén se leu un fragmento da obra de Rosalía de Castro e actuaron “Xurxo O Terrible” e os alumnos do Conservatorio Municipal.

A redistribución da nova zona verde de 2.000 metros situada a poucos metros do antigo matadoiro municipal foi posible grazas ao plan Reacpon impulsado pola Administración provincial, que subvencionou os traballos ao 80% cun custo total de 665.000 euros. Trátase dunha área que deixa ao carón o tráfico rodado repartindo cultura, lecer e xogos a partes iguais.