Baiona, imaxe de postais de Nadal

Unha imaxe de Baiona da súa emblemática rúa Elduayen centra a mirada nunha postal do Nadal coa que Correos quere promocionar nestas datas tan especiais a Baiona por todo o territorio nacional. A presentación oficial desta postal levouse a cabo esta mañá. Nela participaron o Alcalde, Carlos Gómez, e o director da oficina de Correos da localidade, Carlos Meijome, ademais dos autores da bonita ilustración, Ramón Quintás e Noelia Molinos, da tenda de estudo e ilustración Papelier de Baiona. Esta bonita composición xa está dispoñible de forma gratuíta na oficina de turismo de Baiona para que visitantes, peregrinos e peregrinas envíen esta tarxeta publicitaria ao longo e ancho de España. Tamén no Concello de Baiona e na Praza de Abastos para todos aqueles baioneses e baionesas que queiran felicitar o Nadal.

Trátase dunha postal prefranqueada, da que se fixeron 500 exemplares. O obxectivo desta emisión é a promoción e difusión da Vila de Baiona. A Tarxeta Postal, emitida polo Concello de Baiona, está prefranqueada coa tarifa A de envíos nacionais, para que poida viaxar facilmente a través da rede postal podendo ser depositada en calquera caixa de correos ou Oficina de Correos sen custo adicional. O Concello de Baiona e a oficina de Correos da localidade, traballaron unidos para lograr esta iniciativa que servirá para promocionar Baiona como destino turístico a través dunha serie de postais. A primeira delas, emitiuse o pasado mes de marzo e esta ocasión tratouse dunha postal promocional da XXVI Festa da Arribada, realizada para conmemorar o 529 Aniversario da Arribada da Carabela A Pinta a Baiona. Unha segunda postal cunha imaxe de Baiona desde o estuario da Foz do Miñor foi emitida no mes de xuño.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, detallou que “a postal se compón dunha ilustración dunha das rúas máis emblemáticas da nosa localidade con ornamentación do Nadal e na que mesmo se ve paseando aos Reis Magos, e no reverso, aparece un código QR que permite visualizar o anuncio promocional de Turismo de Baiona. A postal dispón do franqueo postal incluído co cal o envío da mesma será gratuíto. Esta iniciativa pretende poñer en valor a nosa localidade e dala a coñecer en todo o territorio nacional e que sirva como foco de atracción en Nadal. Agora con esta nova tarxeta postal, dáse continuidade a esta nova iniciativa de promoción e difusión do municipio para atraer xente ao municipio para consumir nos negocios e comercios locais nas datas do Nadal”.

Gómez destacou “o amplo retorno publicitario que terá o envío destas postais”. Por todo iso, o mandatario quixo aproveitar a presentación para trasladar a súa gratitude á entidade Correos así como á oficina da localidade e ao seu director, Carlos Meijome Juíz, polo seu traballo e por apostar por Baiona e dar a coñecer deste xeito os seus atractivos. Tamén agradeceu a Ramón e Noelia de Papelier Baiona, a bonita ilustración que deseñaron da vila.