Non Si? Teatro presenta en Nigrán a obra “A Tempestade”

O Concello de Nigrán ofrece este domingo 18 de decembro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a obra “A Tempestade” de Non Si? Teatro, o grupo avanzado de interpretación do Concello de Baiona no que cada ano traballan técnicas de creación escénica enfocadas a unha determinada montaxe teatral, neste caso unha peza de William Shakespeare.

Próspera, antiga duquesa de Milán, planea vingarse do seu irmán Antonio, quen conspirou para expulsala do ducado e ocupar o seu lugar. Próspera e a súa filla Miranda son abandonadas nun bote vello e chegan a unha illa na que viven durante doce anos. Próspera aproveita para, cos seus coñecementos de maxia e coa axuda do espírito Ariel, argallar unha vinganza que vai facer que a embarcación na que viaxan o seu irmán Antonio, a raíña Adriana, xunto coa súa irmá Sabina e o seu fillo Fernando, sexa sorprendida por unha tormenta que vai facer que naufraguen na illa e propicie o encontro entre Próspera e Antonio. Para executar o seu plan, Próspera válese da axuda de Ariel a quen lle prometeu a liberdade a cambio de colaborar no seu proxecto.

A traizón, a vinganza, a crueldade, as conspiracións, a ansia de poder, son algúns dos temas da obra. Sen embargo, Shakespeare déixaa unha porta aberta á esperanza, á reconciliación, ao perdón e ao amor. Convidámosvos a soñar porque “Estamos feitas e feitos da mesma materia que os soños e a nosa pequena vida péchase como un soño”. E, non é o teatro unha ilusión que nos permite soñar?

En novembro de 2006 Mónica Sueiro crea a Aula de Teatro de Baiona, que durante dous anos pertence á Escola Municipal de Música de Baiona. Do curso de Interpretación nace Non Si? Teatro para que o alumnado traballe e represente unha obra na que poida mostrar o que aprende ao longo do curso.