A Xunta executará un aparcadoiro disuasorio gratuíto con 72 prazas en Nigrán

A Xunta executará un aparcadoiro disuasorio gratuíto con 72 prazas en Nigrán, que supoñerá un investimento autonómico de preto de 685.000 euros e conta cun prazo de execución de 9 meses. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción deste aparcadoiro disuasorio en Nigrán para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, na comarca do Val Miñor. A intervención proxectada pola Xunta céntranse na execución dun aparcadoiro tipo carpooling nun recheo existente no enlace da estrada autonómica PO-340 coa autoestrada do Val Miñor, AG-57, e adxacente á peaxe da saída 9-10 (A Ramallosa-Gondomar). O aparcadoiro terá o acceso desde a estrada PO-340.

O novo aparcadoiro, que busca facilitar o emprego do vehículo compartido e reducir a presenza dos coches no centro da vila, situarase na zona próxima ao punto quilométrico 8+800 e contará cunha superficie total de 3.500 m². Dispoñerá dun total de 72 prazas, todas en batería, 2 delas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida, ademais de dispor de 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos. O novo aparcadoiro contará, ademais, dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación dun mínimo de 3 metros de ancho e de sentido único. No centro do aparcadoiro e na zona norte proxéctanse zonas verdes para a colocación de arborado e alumeado, que irán separadas das prazas por un bordo.

O anuncio publicado onte no Diario Oficial de Galicia recolle a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización deste aparcadoiro disuasorio en Nigrán. Todas as persoas interesadas poderán formular observacións ao proxecto durante 30 días hábiles, que comezarán a contar a partir de hoxe. O Goberno galego segue a traballar a favor da mobilidade sostible, impulsando a dotación de aparcadoiros disuasorios en zonas próximas ás principais vías de entradas ás cidades de Galicia e conectados coa rede de servizos de transporte público colectivo, con itinerarios peonís e ciclistas. En conxunto, a Xunta ten previsto habilitar un total de 1.500 prazas de aparcadoiros disuasorios.

Estas intervencións enmárcase nos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sustentable nas cidades e vilas galegas, aos que destinará o vindeiro ano un investimento de 12,4 M€.