Baiona presenta a segunda edición da “Primavera Lila”

O salón de actos do CPI Cova Terreña acolleu o acto de presentación da “Primavera Lila”, a programación deseñada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona e a dirección do CIM con motivo do 8 M, Día Internacional da Muller. Un acto que contou coa presenza da artista plástica Irene Silva Xiráldez e que estivo amenizado pola violinista Ana Shi Yu.

En 2021, a área de igualdade de Baiona poñerá o foco de atención do 8 M e da loita contra a violencia machista na forza das palabras a través do proxecto da artista baionesa Irene Silva Xiráldez “A túa Palabra Conta”. Baixo o nome “Estelas da Palabra” Silva realizará unha instalación artística cuxo obxectivo é incorporar no espazo público áreas de encontro; dotándolle á palabra unha voz visual que suscite respostas e reflexión sobre a linguaxe inclusiva.

Tamén se creará o “Muro da Palabra”, unha creación colectiva de etiquetas e palabras artísticas dirixido ao alumnado que cursa 1º da ESO dos centros educativos municipais de Cova Terreña e do Primeiro de Marzo que ten como obxectivo aprender, sensibilizar e practicar a linguaxe inclusiva usando a palabra como elemento artístico na construción de símbolos para a igualdade; será a guía para traballar as emocións, a empatía, a confianza e o respecto; promover o valor da participación colectiva para acadar obxectivos sociais.

Entre os meses de marzo e xuño a artista coordinará e dirixirá diferentes obradoiros artísticos en cada uns destes centros escolares municipais para que o alumnado elabore o material que dotará de contido o “Muro da Palabra”. O proxecto materializarase nas rúas da vila no mes de xuño.

Co 8 de marzo como escenario, a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, lembra “a importancia que ten traballar a diario en favor da igualdade en base a políticas que ofrezan respaldo a mulleres como as que se recollen no Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de mulleres e homes do Concello de Baiona 2019-2023.” Accións que sexan tamén extensivas a toda a cidadanía porque “a igualdade é cousa de toda unha sociedade” e é preciso traballar en conxunto con estratexias que abarquen a todas as idades e colectivos, con accións específicas para cada sector “e que todas teñan un fío condutor, unha sociedade comprometida coa igualdade”, sinala Moreira Costas.

Por iso, ademais deste interesante proxecto dentro da programación “Primavera Lila”, desenvolveranse diversas actividades cuxo obxectivo xeral é promover a consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes no ámbito escolar e cultural e previr a violencia de xénero.

Aplicando a transversalidade de xénero, sen limitarse a un só contexto ou plano de actuación, para traballar na sensibilización en Igualdade e a prevención da violencia machista desde os distintos campos, a “Primavera Lila” integra toda unha serie de actividades enfocadas a distintos tipos de públicos.

Tras o éxito da organización do primeiro autocine no Val Miñor por parte da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona o pasado mes de novembro, este departamento volve apostar por esta actividade ante a gran acollida que tivo entre a poboación pero nesta ocasión estará enfocada para os máis pequenos e pequenas da casa e ás súas familias.

Chan da Lagoa volverá converterse en sala de cinema por un día para 100 vehículos o vindeiro sábado 13 de marzo. “A rebelión dos contos” está baseada nas historias clásicas de Roal Dahl, as que todos coñecemos, pero cun xiro de 180º ás súas personaxes: Que pasaría se Cincenta e Carapuchiña Vermella se fixesen amigas? e se o narrador, fora o lobo feroz? Unha reinvención con humor e espírito transgresor dos contos clásicos de sempre. A película recupera personaxes e relatos clásicos da literatura infantil tan coñecidos como “Carapuchiña Vermella” ou “Xan e as fabas máximas” para darlles a volta.

Co visionado desta película preténdese promover a ruptura de roles e estereotipos de xénero e promover a sensibilización e a concienciación social dos nenos e nenas sobre o significado da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Así, o 8 e 16 de marzo, o alumnado dos centros educativos municipais que cursa 1º e 2º curso da etapa de educación primaria (no CEIP de Belesar, no CEIP de Fontes, co CEP de Sabarís e no CPI Cova Terreña), gozarán do Contacontos Teatral “Familias Diversas”. Unha peza que fomentará a reflexión entre a poboación máis nova sobre a necesidade de promover unha sociedade igualitaria e diversa, promoverá a ruptura de roles e estereotipos de xénero e fomentará valores de respecto e tolerancia entre os máis de cen alumnos e alumnas de Baiona.

O día 25 de marzo os Obradoiros “Os amores non matan” o alumnado que cursa 3º da ESO do CPI Cova Terreña poderá gozar desta actividade que ten por obxectivo previr a violencia de xénero, previr e sensibilizar sobre os riscos emocionais e corporais que encerran as relacións tóxicas entre persoas mozas. Así como recoñecer e auto regular as relacións de parella tóxicas, coñecer as causas da violencia de xénero, e identificar a mesma.

O Alcalde de Baiona, destacou na súa intervención que “temos claro que o que non se nomea, non existe, e non se combate, por iso programacións como a que hoxe se presenta aquí a “Primavera Lila” son tan importantes. Unha programación que destaca pola diversidade de actividades que a compoñen. Unha programación que pretende chegar a toda a cidadanía e na que é importante que colaboremos todos os axentes sociais e institucións. Porque nesta loita contra a lacra da violencia machista todas e todos temos que implicarnos activamente”.

E finalizou dicindo que “este Concello aposta firmemente por avanzar nos valores da igualdade de xénero desde a administración, como exemplo a seguir polo resto da cidadanía na construción dunha sociedade de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Entre todos construímos unha Baiona mais igualitaria. Queremos unha Baiona libre de violencia machista”.