Eu Rural traballará para converter o territorio nun polo de emprendemento rural

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural perfila os seus retos estratéxicos e operativos para os vindeiros anos. Alcaldesas, alcaldes e representantes dos 13 concellos do territorio mantiveron este martes un encontro en Tomiño para dar o visto bo ao documento de diagnose no que se baseará a estratexia de desenvolvemento local para o período 2023-2027, un documento deseñado e creado tras un amplo proceso participativo que contou con catro xornadas informativas, dúas sesións de diagnose de seis grupos de traballo, tres mesas multisectoriais, reunións con promotores e promotoras de proxectos e co persoal técnico municipal e ata unha dinámica Lego® Serious Play® a través da que a Xunta Directiva empregou unha innovadora ferramenta para a validación da estratexia.

Esta mesa institucional contou coa presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a anfitrioa da reunión; Antonio Lomba, rexedor da Guarda; Paco Ferreira, alcalde de Gondomar; Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal; Rocío Goberna, concelleira de Gondomar; Julia Loureiro, edil de Mos; Sari Costas, concelleira do Porriño e María Castro, edil de Redondela, así como do equipo técnico que debullou os pormenores desta completa diagnose.

A diagnose, que se entregará a Agader nos vindeiros días, marca sete grandes liñas estratéxicas de futuro, como a protección do medio ambiente e a posta en valor do patrimonio rural e da paisaxe; a creación e mellora dos servizos á poboación e inclusión social; a mellora da competitividade, diversificación produtiva e innovación; a mellora da cualificación dos recursos humanos do territorio; a dinamización dos concellos fomentando a participación da poboación no desenvolvemento do rural; o pulo a procesos de transformación verde, renaturalización e eficiencia enerxética do territorio e a aposta por un modelo de turismo sostible.

Así, grazas ao traballo transversal realizado co proceso participativo a futura estratexia dará resposta a algunhas problemáticas detectadas no territorio, como a mobilidade, a creación de sinerxías, a dificultade para colocar no mercado produtos de km0, a atención a persoas dependentes e mesmo a aposta polo medio ambiente e a loita contra o cambio climático.

A través destas mesas de traballo e dunha enquisa participativa aberta ao público, Eu Rural busca marcar para os vindeiros anos unha nova folla de ruta enmarcada no Plan Estratéxico de Política Agraria Común 2023-2027 que permita abordar do mellor xeito posible o futuro do territorio en cuestións como o emprego, o crecemento económico, o desenvolvemento sostible, a igualdade, a inclusión social ou o desenvolvemento local.