Nigrán finaliza o Fegateatro 2022 coa comedia “Confinad@s” de A Tequerreté Teatro

O Concello de Nigrán finaliza este sábado 17 de decembro o ciclo de Fegateatro 2022 coa obra “Confinad@s” de A Tequerreté Teatro (Teo) ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. “Confinad@s” nace, en clave de hilarante comedia, das experiencias sufridas durante o confinamento. A entrada é de balde ata completar aforo. Catro amigas xúntanse por vídeochamada e deciden fuxir das compulsivas rutinas provocadas pola situación de illamento, ao estilo de Boccacio, no seu Decamerón. Deste xeito evadiranse da súa particular “Florencia” contando catro surrealistas historias.

Estas representacións forman parte do convenio de 7.000 € do Concello de Nigrán coa Federación Galega de Teatro Afeccionado baixo o título “Fegateatro Nigrán 2022”. Deste xeito, o Concello terá ofrecido ata o 17 de decembro dez obras de compañías de teatro amador de toda a comunidade.