Galicia en Danza reparte desde hoxe as invitacións para asistir á súa Gala de Nadal

Galicia en Danza celebrará o vindeiro domingo día 18 de decembro a súa Gala de Nadal no Auditorio V Centenario de Baiona. Debido á gran cantidade de público que concorría, desde hai uns anos viñeron realizando dúas funcións practicamente idénticas para poder cumprir co aforo do recinto e poder ofrecer o espectáculo en condicións de seguridade e comodidade para os asistentes. Nesta ocasión a primeira función da Gala comezará ás 16.30 horas e a segunda ás 19.30 horas.

Como nas ocasións anteriores, á vista dos bos resultados obtidos con este medio para distribuír dunha forma lóxica a asistencia, a entrada a ambas as dúas funcións continuará sendo con invitación numerada. As invitacións están abertas ao público en xeral, son gratuítas e calquera persoa interesada en asistir pode solicitalas, forme parte da escola ou non. Poderanse solicitar na Secretaría de Galicia en Danza desde este luns, día 12, en horario de 17.00 a 21.00 horas.

O acceso ao recinto abrirase ao público invitado 15 minutos antes da hora de inicio de cada función.