Sheila Patricia pecha o ano cun concerto en Baiona

Último concerto da xira 2022 da artista galega Sheila Patricia que terá lugar no Auditorio V Centenario do Concello de Baiona o domingo 11 de decembro de 2022 ás 18:00 horas xunto cos seus músicos Gabi Reboredo e Tomi Díez. Sheila Patricia co seu último disco “Orixe” pecha o ano nos escenarios nacionais e internacionais coa xira do seu marabilloso espectáculo, no que emociona e fai desfrutar ao público a partes iguais.

Sheila Patricia, considerada xa unha das mellores voces do panorama artístico galego e cunha presenza e elegancia que medra nos directos, ofrece unha visión da beleza dos ritmos da nosa cultura a través dos mitos e do empoderamento das mulleres galegas nun xeito moi persoal de presentar o noso patrimonio cultural ao mundo.

A artista crea unha proposta con temas propios e tradicionais na que a electrónica imita os sons máis acústicos e puros. Loopers con instrumentos de percusión, pandeiretas e guitarras conforman o universo sonoro desta marabillosa proposta, enmarcada en World Music. Como filla dun arxentino e dunha galega, tamén engade ritmos e mesturas da riqueza destes folclores e identidades.