O Vigo-Rías Baixas recibe a enerxía de Energanova

Unha emerxente compañía galega únese ao Vigo-Rías Baixas. Energanova, empresa especializada na integración de bombas de calor con sistemas de autoconsumo fotovoltaico, convértese en novo patrocinador da estrutura presidida por José Luis Chamorro. Un acordo cargado de enerxía para os corredores do conxunto olívico.

Javier Méndez, director de Energanova, e o seu equipo de traballo, recibiron este mércores nas instalacións situadas na rúa Aragón de Vigo ao presidente da escuadra flúor. Este encontro serviu para oficializar a colaboración entre ambos os dous proxectos. “Son un gran afeccionado ao ciclismo e faime especial ilusión poder axudar ao Vigo-Rías Baixas. Espero que sexa unha relación por moitos anos e que poida ir a máis”, sinalou o máximo responsable dunha firma que non deixou de crecer desde a súa creación e que entre os seus acenos de identidade ten o compromiso co medio ambiente.

“Somos unha enxeñería instaladora que estamos presentes con delegacións físicas en Madrid e en Galicia, e con comerciais en Málaga e Barcelona”, apuntou Javier Méndez. A compañía que fundou e dirixe está especializada nas enerxías renovables e dentro delas “nas bombas de calor e de autoconsumo fotovoltaico. Facemos proxectos chave en man para particulares, promotores e todo aquel que queira realizar unha instalación baseada neste tipo de enerxías”.

Pola súa banda, José Luis Chamorro agradeceu este apoiou e destacou que “supón moito para nós no plano económico”. O presidente do Vigo-Rías Baixas celebra especialmente este acordo porque “Energanova é unha empresa galega, e do mesmo xeito que o noso club, está en crecemento. Trátase dun patrocinio que me enche de moito orgullo”. A entidade flúor atópase nestes momentos ultimando os detalles para a tempada 2023, un ano no que volverá contar con equipos que disputarán as probas máis importantes do calendario estatal nas categorías Elite-Sub23 e Júnior.